A Xunta desenvolve trece accións culturais no marco de Culturgal

Alfredo López Penide
López PEnide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CEDIDA

A feira é un escaparate do apoio do Goberno galego ao sector cultural

25 nov 2021 . Actualizado a las 17:07 h.

Co arranque este venres en Pontevedra dunha nova edición de Culturgal, a feira, da que a Xunta é patrocinador principal, recupera a presencialidade. Deste xeito, a Administración autonómica estará dobremente presente. Por un lado, cun expositor físico como punto de encontro para o público e, por outro, coa programación de xeito directo de trece actividades ao longo da fin de semana.

Entre estas citas, moitos dos logros xa acadados ou produtos que son resultado concreto de diversas iniciativas en marcha, caso dos libros publicados, os certames creativos ou iniciativas, como o Bono Cultura da Xunta, o programa de descontos en produtos e servizos de carácter cultural que buscou incentivar o consumo e apoiar ao sector. De feito, ata o 31 de decembro, as persoas que contan co bono poden gastalo nos establecementos adheridos desfrutando dun 50 % de desconto. Pode empregarse para adquirir música gravada en CD ou en vinilo, produtos audiovisuais en formato físico, libros ou videoxogos, entradas para institucións culturais ou para salas de cine, concertos e espectáculos escénicos, entre outras.

As propostas que a Xunta levará a Culturgal, de igual modo, porán o foco noutros ámbitos, como pode ser o potencial da industria dos videoxogos en Galicia e os plans do Goberno autonómico para levar a cabo medidas específicas no 2022. Deste xeito, a feira convertese nunha plataforma para falar de futuro, onde, xunto cos videoxogos, terán cabida proxectos como o Hub Audiovisual da industria cultural, iniciativa nacida co obxectivo de apoiar ao sector a través de liñas de axuda e programas de apoio específico. Dende a Xunta destacan que, de feito, xa se están a ver os primeiros resultados ao atraer rodaxes a Galicia, por exemplo, o da serie de televisión Rapa, de Portocabo e Movistar+.

Centro Dramático Galego

Pero o Culturgal tamén será o altofalante no que se avanzarán as claves das próximas producións do Centro Dramático Galego ou no que se dará a coñecer a programación da Cidade da Cultura de Galicia, mais tamén as accións centradas no ámbito dixital. É o caso de Nós de Intelixencia Artificial, unha iniciativa na que a Xunta colabora coa Universidade de Santiago e que se considera que «suporá un salto decidido no ámbito dixital, facilitando que os sistemas de voz poidan recoñecer e interactuar en galego, propiciando a súa presenza nos novos desenvolvementos tecnolóxicos».

Neste eido, outras das iniciativas que se compartirán co público asistente é a relativa ao espazo virtual isaacdiazpardo.gal, un portal web que permite achegarse e afondar na vida e obra do intelectual galego.

Dende a Administración autonómica apuntaron que, coa súa participación en Culturgal, a Xunta continúa a amosar o seu apoio a un sector, o cultural, «no que, ao longo deste ano, destinou á súa reactivación 42 millóns de euros». Reseñaron que, dende o primeiro momento, o Goberno autonómico emprendeu un traballo de constante diálogo co sector para dar unha resposta con urxencia aos ámbitos creativos a través de axudas directas ás empresas e profesionais, coa posta en marcha de ata tres plans de rescate e converténdose na primeira Comunidade en aprobar un Plan de Reactivación Cultural.

Pero a prioridade non é só a reactivación das industrias culturais galegas, senón que tamén é retomar a senda do crecemento. E proba disto é o feito que, neste último trimestre do ano, a Xunta programase máis de 2.500 actividades culturais, un compromiso que continuará no 2022 cun presuposto que medra un 6 % con respecto ao do ano anterior.