Uxío Benítez defende en Mallorca o espazo público como escenario da vida colectiva

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

DIPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

O deputado provincial de Mobilidade espuso o Modelo Ágora no Congreso da Rede de Cidades que Camiñan

07 oct 2022 . Actualizado a las 19:44 h.

No ámbito do noveno Congreso da Rede de Cidades que Camiñan, que se está a celebrar en Palma de Mallorca baixo o lema Non hai cidade, faise ao camiñar, Uxío Benítez, deputado de Mobilidade, defendeu a necesidade de que as administracións locais garantan «o dereito das persoas ao espazo público como escenario fundamental da vida colectiva». No marco da súa intervención, explicou o Modelo Ágora de recuperación do espazo público que se está a estender a boa parte dos concellos de Pontevedra.

Neste eido, defendeu que está totalmente demostrado que o modelo que prioriza ás persoas e que parte da premisa de que o espazo público é un dereito é perfectamente aplicable en vilas de diferente condición. Iso si, sempre tendo en conta ás características particulares de cada unha destas poboacións.

DIPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

De igual modo, Benítez comparou diferentes ubicacións da provincia, caso da estrada de San Vicente do Grove, a avenida Luís Rocafort de Sanxenxo, a praza de España de Ponte Caldelas, a praza do Calvario en O Rosal, a actuación en Concepción Arenal en A Guarda ou a Praza da Feira en A Estrada, entre outras, para amosar o antes e o despois das obras acometidas. O titular de Mobilidade asegurou, de igual modo, que a Deputación seguirá a traballar co «compromiso e misión» de incrementar de forma substancial o espazo público para as persoas nos concellos da provincia e destacou que para facelo téñense implementado diferentes iniciativas e actuacións, así como subvencións para a redacción de proxectos e execución de obras sempre seguindo o decálogo do modelo Ágora.

Benítez participou na mesa Espazos desexados acompañado polo arquitecto e profesor Mateus Porto; o alcalde de Maó, Héctor Pons; o tenente alcalde de Palma, Xisco Dalmau; e o concelleiro coruñés de Urbanismo, Francisco Dinís.