Santiago Auserón e Fermín Muguruza participarán en Pontevedra na Semana Galega de Filosofía

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

A arte será o epicentro sobre o que pivotarán estas xornadas que se desenvolverán no Teatro Principal entre o 10 e o 14 de abril

10 mar 2023 . Actualizado a las 16:26 h.

A edición deste ano da Semana Galega de Filosofía, segundo presentaron onte Alexandre Cendón, Eva Mouriño e Paula Fernández, da Aula Castelao de Filosofía, terá como concepto central a arte. Así, o presidente da Aula Castelao precisou que a elección de Filosofía e arte, débese ao «interese que nos brinda a arte como dimensión definitoria do ser humano xunto coa linguaxe e o pensamento: é unha actividade simbólica que nos acompaña dende o limiar dos tempos, en paralelo ao pensamento e a linguaxe, as outras expresións simbólicas coas que representamos o mundo e a realidade».

Deste xeito, mentres que o relatorio de apertura, co título de Certamente é estraño que a Terra xa non sexa habitábel!, correrá a cargo do catedrático de filosofía Francisco Jarauta, a clausura contará co músico e doutor en Filosofía Santiago Auserón. Patricia Mayayo, Fermín Muguruza, Sabela Hermida ou pontevedrés Germán Labrador estarán tamén entre os 15 relatores destas xornadas que se desenvolverán no Teatro Principal entre o 10 e o 14 de abril.

En este punto, Alexandre Cendón remarcou que, «neste sentido, interésanos ollar a arte como un medio de expresión do pensamento, mais tamén doutros contidos alén do mesmo como son as emocións e o irracional. A súa eficacia como vehículo de comunicación ás veces mellora a propia palabra. Por iso tamén queremos reflexionar sobre o papel ou a función que ten a arte na nosa sociedade, ora como produtora de ideoloxías, ora como medio de análise e denuncia, ao mesmo tempo que nos preguntamos pola mesma función da artista».

Na súa intervención aludiu, tamén, aos motivos polos que elixiron a lámina de Castelao para ilustrar o cartaz deste ano: «Como xa é habitual dende hai moitos anos, o cartel da XXXIX Semana Galega de Filosofía fíxose cunha ilustración de Daniel Rodríguez Castelao. Desta volta escollemos esta imaxe dos músicos porque dalgún xeito representa a liberdade do feito artístico, algo fundamental na concepción da arte na Modernidade e no noso mundo contemporáneo, que ás veces funciona como refuxio expresivo do que non se pode dicir mediante a palabra», sinalou ao respecto.