Clausura no Museo de Pontevedra da exposición centrada na obra fotográfica de Xulio Gil

PONTEVEDRA

MUSEO DE PONTEVEDRA

26 mar 2023 . Actualizado a las 10:59 h.

Este luns é o derradeiro día no que poderá visitarse no Museo de Pontevedra a exposición temporal Símbolos do conflito. Fotografías de Xulio Gil. Esta mostra, que está comisariada polo fotógrafo e profesor Xosé Lois Gutiérrez Failde, «afonda nos camiños creativos seguidos polo fotógrafo vigués desde o cambio de século, caracterizados pola organización en series, a introdución da cor e a indagación estética e conceptual».

As obras presentes na exposición organízanse en once series desenvolvidas dende o ano 2000 en adiante: Fénix (2000), Retablos esenciais (2007-2015), Trompos (2008), Matrilineal (2009), Capela dos arcos (2010), Capela dos homes (2010), Cepas vellas (2016), Cúpulas (2017), Moradas (2018), Penumbra da sal (2019) e Gastro centro/Gastrofuturo (2020-21). Trátase de series nas que Xulio Gil «explorar diversas liñas estéticas e conceptuais» e coas que busca achegarse «desde puntos de vista pouco transitados ao retrato, a cultura material (castaña, pataca, pan, millo...), a gastronomía, o patrimonio, a natureza...».

MUSEO DE PONTEVEDRA

O conxunto de imaxes condensa o traballo artístico máis recente deste fotógrafo nacido en Ourense e residente en Vigo. Dende o Museo engadiron que, «xunto a estes traballos, presentaranse tamén traballos editoriais e publicacións que foron realizadas ou que contaron coa participación do artista neste período», así como destacaron que a mostra «estará acompañada da publicación dun catálogo, coordinado polo comisario Xosé Lois Gutiérrez Failde e con textos do propio comisario e de Xan Carballa, Domingo Docampo, Antón Abel Rodríguez e Isabel Santos Davila».

Xulio Gil, matemático de profesión, desenvolve desde mediados da década de 1970 unha intensa carreira como fotógrafo, participando activamente nas transformacións da fotografía galega contemporánea. Nestes últimos anos, a súa obra «foi mudando ata conformar un universo creativo moi orixinal».