Vilagarcía abre o Festaclown nunha semana de circo e solidariedade pola causa palestina
PONTEVEDRA
O festival arrinca este luns con Minotauro, de Nacho Flores, e a gala solidaria Circo contra a barbarie, organizada xunto a Pallasos en Rebeldía, e manterá a programación ata o sábado 23 de agosto
18 ago 2025 . Actualizado a las 21:37 h.As rúas de Vilagarcía converteranse durante unha semana nun escenario cheo de música, acrobacias e solidariedade co arranque dunha nova edición do Festaclown. A cita, consolidada como un referente no panorama galego e estatal do circo contemporáneo, desenvolverase dende hoxe ao sábado 23 de agosto cun cartel no que participan compañías e artistas de proxección internacional.
A programación inaugural arrancará hoxe luns pola tarde con dúas propostas moi diferentes. Ás 19.30, a praza de Galicia acollerá Minotauro, a creación do artista Nacho Flores, que combina unha sorprendente estrutura de madeira con música en directo e interacción co público. Un espectáculo pensado para todas as idades, no que a complicidade entre artistas e espectadores será clave para domar a particular besta escénica.
Pouco despois, ás 21.00, a praza da Segunda República converterase no epicentro da vertente solidaria do festival coa celebración de Circo contra a barbarie. Esta gala, organizada en colaboración coa oenegué Pallasos en Rebeldía, está dedicada a apoiar a causa palestina e contará co talento de Mercedes Peón, Mago Teto, Kote Malabar, Marta Iglesias e Zirko Txosko, entre outros. Maxia, música e clown unirán forzas para reivindicar, a través da risa, o fin da violencia e da inxustiza. Todas as actividades son de acceso gratuíto, aínda que se habilitará unha billeteira inversa e unha «fila 0».