A Deputación celebrou o acto de clausura, pero pode visitarse ata o día 30
27 sep 2025 . Actualizado a las 05:49 h.O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente Rafa Domínguez clausuraron onte unha edición da Bienal de Arte de Pontevedra que, aseguraron, «pasará a historia». Coa celebración no salón de plenos do Pazo Provincial do derradeiro espectáculo do ciclo de Artes Vivas a cargo do grupo La Ribot, cunha peza titulada Labola, pechouse o programa da edición número 32 dunha Bienal que baixará o pano de xeito oficial o vindeiro día 30 coa fin das visitas as distintas exposicións que se foron sucedendo en distintos enclaves da cidade desde o mes de xuño.
«Ao longo dos últimos tres meses, esta provincia demostrou ser a casa da arte, a casa da cultura e a casa da humanidade. Un lugar onde a paz, a convivencia e o respecto cobran vida a través da arte», recoñeceu o mandatario provincial no encontro, no que tamén participou o deputado de Cultura, Jorge Cubela, con artistas, membros da organización e afeccionados á arte que formaron parte do regreso dunha Bienal que, despois de 15 anos de ausencia, resultou ser un éxito de participación, organización e repercusión.
«Despois de 15 anos ausente, a Bienal regresou a Pontevedra con máis forza ca nunca para situar neste extremo de Europa o centro da vangarda artística, cultural e de pensamento. Por primeira vez en 32 edicións, as polas desta árbore artística estendéronse por toda a provincia cun novidoso ciclo de artes vivas que resultou ser un completo acerto. E desde Pontevedra, nesta época de guerras e de crise dos valores que nos definen como humanos, demostramos ao mundo que a paz, a concordia e o entendemento son posibles cun amigable abrazo entre o fotógrafo residente en Israel Miki Kratsman e a artista palestina Raida Adon», argumentou o presidente, Luis López, para afirmar que «esta edición número 32 da Bienal de Arte de Pontevedra pasará á historia».
Un logro polo que o mandatario provincial quixo recoñecer e agradecer a achega de todas as persoas que fixeron posible a organización da Bienal. Desde cada un dos artistas que formaron parte do programa, así como do comisario Antón Castro e todo o seu equipo ata os milleiros de asistentes aos distintos actos programados e, tamén, por todo o traballo e empeño do vicepresidente Rafa Domínguez, artífice da recuperación da Bienal. «A Bienal vai pasar á historia e o fará grazas a vós», remarcou.
Tres meses de actividade
«Durante tres meses fomos testemuñas de propostas innovadoras e profundamente humanas nunha Bienal que ten como razón de ser volver ser humanos. Hoxe, mentres pechamos este ciclo, non só damos por finalizado un evento, senón que reafirmamos o compromiso de seguir promovendo a arte como un motor de cambio e transformación social, sempre desde a liberdade de expresión e a aceptación», repasou o vicepresidente Rafa Domínguez, que agradeceu tamén a todas as persoas que participaron nesta Bienal pola súa aportación. «Sen a vosa presencia estas experiencias non serían posibles», admitiu.
Aínda que o programa desta edición número 32 da Bienal de Arte, que levaba por lema Volver ser humanos diante a dor dos demais, rematou coa representación da peza de La Ribot, recalcaron López e Domínguez que a Bienal non remata. “Este acto non é unha despedida, é unha invitación. Hoxe comeza a edición número 33 da Bienal de Arte de Pontevedra e contamos con todos vós. Vémonos dentro de dous anos e, grazas a esta edición e a todos os que formaron parte dela, reencontrarémonos sendo moito máis humanos e máis sensibles ante a dor dos demais”, concluíu o presidente Luis López.