Carta aberta aos responsables da sanidade pública galega

Lola Ramos Vila, veciña de Caldas de Reis

CALDAS DE REIS

O centro de saúde e o PAC de Caldas de Reis está ubicado no paseo de Román López
O centro de saúde e o PAC de Caldas de Reis está ubicado no paseo de Román López EMILIO MOLDES

19 jul 2021 . Actualizado a las 12:23 h.

Sr. presidente da Xunta, Sr. conselleiro de Sanidade:

Son vostedes os máximos responsables do servizo público máis esencial, a saúde. Son vostedes os que teñen o deber e o encargo de xestionar os recursos que saen dos nosos impostos. En moitas ocasións parece que ter hospitais e persoal sanitario suficiente para atender aos cidadáns é algo que se nos concede como un favor, que depende da boa vontade dos gobernantes, pero saben que non é asi, o dereito á saúde é un dereito fundamenal, e non é o goberno ou o partido político que estea no goberno quen o paga, pagámolo todos os cidadáns.

Por esa razón non podemos consentir o que está a suceder nos centros de saúde de atención primaria, concretamente no PAC de Caldas de Reis, onde non se pon substituto/a a médicos/as de baixa. Sirva de exemplo o caso dunha baixa por maternidade (que non son 15 días) situación que a pesar de ser coñecida con antelación non se cubre cun substituto/a de maneira que os seus pacientes non queden sen atender, ou teñan que ser atendidos por outros profesionais que xa teñen os seus propios pacientes e que naturalmente non se pode dividir aínda que queiran. 

¿Porqué sucede isto cando afirman que a Xunta non ten débedas e está moi ben xestionada? ¿Para quen traballan vostedes? ¿Teño que lembrarlles que lles pago eu e o resto de galegos e galegas que pagamos os impostos? Non encontro explicación. Oue incompetencia ou que mala fe, para de este xeito obrigar aos cidadáns á utilización da sanidade privada.

Espero que lean esta carta e que sen demora dean as instrucións necesarias para que teñamos ao noso servizo os profesionais que necesitamos cando estamos enfermos/as, que en demasiadas ocasións esa espera provoca o internamento nun hospital ou, por desgraza, a imposibilidade de tratamento. Están obrigados a evitar sufrimentos innecesarios e a procurar o benestar da xente.

Lembren que xestionan a sanidade pública, non a privada, a sanidade á que temos dereito en condicións dignas e eficientes, tanto para os pacientes como para os profesinais sanitarios.