Sentida lembranza e reivindicación na homenaxe a Bóveda

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

POIO

CLAUDIA GÓMEZ

«A única esperanza dos asasinados é que algún día a democracia que ía vir os ía homenaxear», afirmou o seu neto

19 ago 2019 . Actualizado a las 20:10 h.

Hai vinte e tres anos, en 1996, levantábase na Caeira (Poio) o Monumento a Alexandre Bóveda (1903-1936). Dende entón cada 17 de agosto celebrase nese lugar un dos actos centrais do Día da Galiza Mártir. Este sábado cumpríanse 83 anos do asasinato do político e intelectual galeguista que xogou un papel activo na redacción do Estatuto de Autonomía.

No acto institucional deronse cita membros da familia Bóveda, das Fundacións Alexandre Bóveda e Castelao, da Asociación Viguesa da Memoria Histórica do 36 e das corporacións municipais de Pontevedra e Poio cos seus alcaldes á cabeza. A concelleira de Poio Marga Caldas exerceu como mestra de cerimonias. «Hoxe é un día de lembranzas, de memoria e de recuperación», dixo. Tivo un recoñecemento especial para as mulleres das vítimas do alzamento. A pesar do paso do tempo, non faltou a emoción. Marga Caldas leu parte da carta de despedida dun Bóveda xa sentenzado, na que «o voso Xandro» se despedía de Amalia Álvarez, a súa muller, e dos seus fillos. «Todos estaredes sempre na miña lembranza».

O presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, lembrou o traballo polo que Bóveda deixou a súa vida e lanzou un desexo: «Fagamos un esforzo para que cada un dos que estamos aquí sexamos mellores galegos». Xente con bolsas do súper que recorre sorprendida a costa da Caeira e a serea dun camión de bombeiros fan un pequeno alto nos discursos. Tras Mella interveu Telmo Comesaña, presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórico do 36 e gañador do XIV Premio de Poesía Día da Galiza Mártir.

Valentín García Bóveda, neto do galeguista, agradeceu a «presenza plural» no acto -tamén había concelleiros do PSOE e PP de Pontevedra e de Poio- e lembrou o por que de citarse no Monumento da Caeira. «As veces pérdese a perspectiva de por que facemos as cousas. A única esperanza que tiñan os asasinados é que algún día a democracia que ía vir os ía homenaxear». Amalia Bóveda, filla do fundador do Partido Galeguista, toma a palabra. Lembra que as claves están atrás, que hai que saber ler con xenerosidade e que «loitar por separado é unha forma de insomnio».

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, pecha as intervencións antes da ofrenda floral e o himno galego. Moi emocionado, o rexedor di que Bóveda era novo cando lle arrebataron a súa vida. Algúns dos que recolleron o seu legado non están, apuntou Sobral, que se despediu cunha viñeta de Castelao: «Os que mataron a Bóveda mataron unha Galiza chega de luz, pero nós crearemos outra e entón Bóveda revivirá».

Ao acto asistiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que pediu institucionalizar o 17 de agosto Día da Galiza Mártir para reparar a memoria de Bóveda e de todas as vítimas do franquismo. Criticou a nula achega do Goberno de Feijoo para políticas de recuperación da memoria histórica fronte ás axudas á familia Franco para converter o pazo de Meirás «nun centro de apoloxía franquista». Tamén acudiron Antón Sánchez, de Anova, e Pancho Casal, de En Marea.

Acto institucional. O Monumento a Alexandre Bóveda acolleu pola mañá o acto institucional coa ofrenda floral e a interpretación do himno galego. Estiveron presentes membros da familia Bóveda, de fundacións e asociacións e políticos. foto claudia gómez

Entrega do premio de poesía. Tralo xantar organizado pola Fundación Alexandre Bóveda, tivo lugar pola tarde no parque que leva o nome de Amalia Álvarez, muller do galeguista, a entrega do premio de poesía Día da Galiza Mártir a Telmo Comesaña. foto claudia gómez

Acto político do BNG. A celebración do Día da Galiza Mártir pechouse cun acto do BNG en Curros Enríquez ao que asistiu a portavoz nacional, Ana Pontón. Antes tivo lugar na capela e no cemiterio de San Amaro unha misa e unha ofrenda cívica. foto claudia gómez