Un tributo en papel aos máis cativos

POIO

CEDIDA

O Concello de Poio edita «Tan preto», unha ferramenta para abordar a experiencia vital dos nenos durante o confinamento

20 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Queremos que Tan Preto sexa para o alumnado un agasallo, máis ca merecido, para o alumnado de Poio, pola valentía, esforzo e actitude que están a amosar desde que comezou esta pandemia». Con estas palabras, a concelleira de Cultura de Poio, a nacionalista Raquel Rodríguez, presentou onte no Centro Cultural Xaime Illa, na parroquia de Raxó, este proxecto educativo e cultural no que participan a escritora Tamara Andrés e o ilustrador Marcos Viso.

Con esta publicación, pretendese ofrecer aos rapaces do municipio unha ferramenta de traballo para desenvolver, «en chave positiva, a experiencia vital pola que pasaron nos meses de confinamento decretado pola expansión do covid-19».

Deste xeito, considerase que os textos elaborados pola escritora poiense e ilustrados polo debuxante ourensán poden supoñer «un reforzo psicolóxico moi positivo para os cativos, unha ferramenta coa que poidan traballar as súas emocións e expresen como se sentiron durante este tempo», engadiu Raquel Rodríguez.

Proxecto multimedia

La concelleira incidiu, neste sentido, en que a publicación complementase cun vídeo explicativo e con ferramentas didácticas coas que se poderá traballar nas aulas. A intención do Concello de Poio é repartir uns 750 exemplares nos distintos centros de ensino do municipio. Ademais, tamén haberá varias unidades dispoñibles na Biblioteca Municipal de Campelo.

Pola súa banda, Tamara Andrés remarcou o feito de que «desde o momento no que a Concellería nos trasladou esta idea, tanto para min como para Marcos Viso, foi unha honra poder impulsar este proxecto da man do Concello». A escritora de Combarro indicou que unha das peculiaridades desta obra é que «os textos e as ilustracións compleméntanse, pero tamén teñen o seu significado por separado. Estamos moi felices de poder dar vida a esta publicación para ofrecer ás crianzas unha fórmula para rescatar as aprendizaxes que sumaron durante o confinamento», concluíu ao respecto.

Raquel Rodríguez aproveitou a presentación de Tan preto para agradecer a implicación de ambos artistas, así como salientou a labor desenvolvida o labor feito pola empresa poiense Gráficas Anduriña, encargada de realizar o maquetado e a impresión dos contos.