«Un paciente motivado e informado é un paciente con mellor saúde»

Elena Larriba García
elena larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

CAPOTILLO

As Charlas Saudables se porán en marcha para achegar a información médica á poboación

10 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A partir do día 19 deste mes, na sede de Afundación na praza de San Xosé, o Complexo Hospitalario de Pontevedra porá en marcha un ciclo de Charlas Saudables, en colaboración co La Voz de Galicia. A iniciativa está destinada a divulgar coñecementos de interese sanitario para a poboación. Serán impartidas por especialistas de diversos servizos que abordarán patoloxías de certa incidencia ás que dan resposta os programas asistenciais específicos do sistema sanitario público.

-¿Cales son os obxectivos que se perseguen con estas charlas, ademais de promover un estilo de vida saudable?

-Este ciclo de Charlas Saudables configúrase claramente como unha actividade de promoción e protección da saúde. Os nosos hábitos condicionan de forma directa o noso estado de saúde. Uns hábitos de vida saudables e unha información básica e de calidade proporcionan aos cidadáns unha cultura sanitaria básica que son a base da prevención das enfermidades. Pretendemos un maior protagonismo dos pacientes na súa saúde e este protagonismo pasa por mellorar a súa información sobre saúde, de tal forma que un paciente informado e motivado é un paciente con mellor saúde.

-¿Que grado de desinformación diría que existe sobre determinadas enfermidades e a maneira de afrontalas por quen as padece?

-As informacións que reciben os nosos pacientes están influenciadas cada vez en maior medida por informacións non suficientemente contrastadas. Qué algo estea online, nunha web, non garantiza nin a súa fiabilidade nin tampouco que estea baseada na evidencia científica. Por este motivo, animamos aos cidadáns a que sempre consulten webs que estean acreditadas. Neste sentido o Sergas, desde a plataforma E-Saúde, é unha canle de información que ofrece aos cidadáns información de saúde e consellos sobre hábitos de vida saudables, ademais de permitir poñerse en contacto coas distintas asociacións de pacientes.

-¿Esa desinformación revela unha deficiente comunicación entre médico e paciente?

-En absoluto. Nos últimos 30 anos a relación médico-paciente cambia de forma máis importante que nos séculos anteriores. O principio de autonomía do paciente adquire cada vez máis relevancia o que obriga a pasar dunha concepción paternalista a unha relación médico-paciente máis simétrica con máis protagonismo do propio paciente. Ao médico pídeselle non só diagnosticar e tratar, senón tamén comunicar e informar ao paciente de cada actuación asistencial á que se somete ao paciente (proba diagnóstica, tratamento médico, cirurxía...).

-¿Cantos facultativos participarán neste programa divulgativo e de que servizos concretos? ¿Está xa ultimado el programa?

-Este ciclo de Charlas Saudables consta de seis conferencias divulgativas dirixidas a todos os cidadáns. As conferencias serán impartidas por persoal de enfermería e facultativo de atención primaria e de atención hospitalaria da EOXI de Pontevedra e O Salnés. O programa está pechado de forma que as charlas comezarán neste mesmo mes de setembro, concretamente o vindeiro día 19, desenlvolveranse dúas charlas cada un dos meses de outubro e novembro e pecharase o ciclo no mes de decembro cunha última charla saudable o día 12 de decembro.

-¿Recurrir a Internet para informarse sobre certas patoloxías é claramente desaconsellable? ¿A sanidade pública dispón de algunha web na que se poda confiar e os pacientes podan aprender a coidarse?

-España é o terceiro país en Europa que máis adopta a e-Saúde, so ten por diante a Finlandia e Dinamarca. No que respecta a Galicia, quixera destacar dous programas plenamente operativos. En primeiro lugar, o Sergas ten en marcha un programa sobre e-Saúde, pioneiro no noso país. A través desta web, os pacientes poden consultar datos no seu historial clínico e poden facilitar dita información en caso necesario a través do seu teléfono móbil e calquera profesional que o estea atendendo en calquera lugar. En segundo lugar quero destacar a escola de pacientes, na que o Sergas potencia o papel dos pacientes e das asociacións de pacientes. Na EOXI de Pontevedra e O Salnés temos un grupo de investigación coa Universidade de Vigo que investiga sobre as aplicacións de e-Saúde nas distintas Areas Sanitarias Integradas.