«Con outra xestión dos recursos que hai pódese dar solución a vellas demandas»

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

Luís Rei, candidato de Marea Pontevedra, di que o partido chega aos comicios co aval do traballo ben feito

21 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasado o ecuador da campaña, Luís Rei (A Coruña, 1958) ten «boas sensacións». Nesta segunda aventura municipal, cre que Marea Pontevedra chega «co traballo feito» e «co aval do traballo no Concello nestes catro anos».

-¿Como convence a un veciño de que vote a Marea Pontevedra?

-Este Concello acumula moitos déficits en temas de barrios, de parroquias, tamén en políticas sociais, e para vencer esas carencias o importante é confiar nun equipo e nun programa que supoña un avance. Sabemos que hai outras receitas, pero implican retrocesos importantes. Nós pensamos que xestionando doutra maneira os recursos que hai pódense dar solucións a vellas demandas da cidade.

-¿Como está a afrontar a campaña?

-Temos unha traxectoria de catro anos, un capital de confianza acumulado que debería ir medrando. Demostramos neste tempo que chegamos a Pontevedra porque éramos necesarios e para quedar. E no proceso que nos trae ata aquí reforzamos o noso equipo con incorporacións importantes. Tere Casal sobre todo, pero tamén outras persoas.

-¿Que supón a presenza de Tere Casal en Marea Pontevedra?

-É un activo fundamental. Está moi ilusionada e transmite esa ilusión a todos os que estamos no equipo. E atopa unha simpatía case unánime da xente coa que estamos tendo contactos.

-¿Cal sería a primeira medida que tomaría Luís Rei como alcalde?

-Entregar as primeiras rendas sociais ás unidades familiares que as necesitan e para as que están pensadas. E case ao mesmo tempo, asinar a incorporación de Pontevedra ao plan de transporte metropolitano de Galicia, que permitiría que os menores de dezanove anos poidan viaxar de balde en autobús, como sucede en outras cidades.

-Se falamos de pactos, ¿con que se sentiría cómodo Marea Pontevedra?

-Sentireime cómodo gobernando con quen nos obriguen os cidadáns o día 26. Se ninguén ten maioría absoluta, quen queira ser alcalde terá que buscar alianzas e mostrar capacidade de diálogo.

-¿Có BNG?

-O BNG de Lores non é moi fiable. Eu sempre digo que concordo coa liña política do BNG en moitas cidades e a nivel nacional, pero coa práctica política no Concello de Pontevedra, non.

«Non vemos claro que se deba compostar ao carón dos domicilios»

Marea Pontevedra pon o énfase da súa proposta nas políticas sociais e nas parroquias.

-¿Qué propón Marea Pontevedra para a recollida de lixo?

-A resposta ten que ser global. O principio fundamental é a reciclaxe; e para os residuos orgánicos, a compostaxe. O que pasa é que en Pontevedra non está ben resolto porque non hai proxecto, vaise improvisando. Non vemos claro que se deba compostar ao carón dos domicilios.

-¿Lombos si ou lombos non?

-A mobilidade e a accesibilidade teñen que ser universais, polo tanto incluír a todos os veciños, tamén os que teñen diversidade funcional. Claro que ten que haber redutores de velocidade. Terán que cumprir a normativa en canto a altura e características técnicas, e probablemente nalgunhas terán que ser a excepción, pero en xeral reducir a velocidade e ampliar a seguridade é bo para todos.

-¿Cales son as súas propostas en materia de políticas sociais?

-A renda social está pensada para pobreza extrema. En Pontevedra parece un número reducido, pero có índice AROPE, que mide o risco e a exclusión social, se amplía moitísimo. Pensamos que é necesario que para esas familias haxa un plan integral de benestar social con medidas de discriminación positiva. Tamén queremos pensar no ben das familias. Reduciremos ata o tope máximo legal o IBI das familias numerosas, incluso ata o 90 % de bonificación. Pensando na conciliación familiar, queremos ampliar o número de prazas de residencias de maiores, e mandar dende o Concello unha ofensiva para salvar o asilo de Pontevedra. Hoxe temos menos de dúas prazas para maiores de 65 anos por cada cen habitantes. O obxectivo é pasar a cinco. E non pode ser que haxa 500 prazas públicas, ningunha delas do Concello, e que cada ano se reciban mil solicitudes.

-Insiste moito no despoboamento do rural. ¿Como o resolvería?

-Nestes 20 anos a poboación das parroquias pasou de representar un tercio do total a un cuarto. Pero ese 25 % de pontevedreses merecen atención que non recibiron ata agora. Plantexamos cuestións como o levar saneamento e abastecemento a absolutamente todas as vivendas do rural. E tamén dar resposta a outras necesidades, como crear nunha das parroquias un viveiro de empresas relacionadas có forestal e có agro, e debería impulsarse unha minirede de centros de día e mesmo facilitarse a socialización creando centros socio-comunitarios en parroquias que non os teñen.