A historia da gaita a través dos debuxos de César Lombera

PONTEVEDRA CIUDAD

CEDIDA

O Museo acolle ata o vindeiro 28 de novembro unha mostra homenaxe aos gaiteiros

03 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende un repoludo gaiteiro ata Perfecto Feijoo e o loro Ravachol, dende Ricardo Portela ou Os Areeiras de Catoira ata Carlos Núñez e Susana Seivane, dende o irlandés Davy Prillane e o bretón Bagad Kemper ata os 10 pipers escoceses e Aurora Rodríguez, a primeira gaiteira documentada da historia... E así ata 35 debuxos obra do artista César Lombera compoñen a mostra Gaiteiraos que, ata o 28 de novembro, se pode visitar no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra para adentarse na historia da gaita da man dos seus máis recoñecidos protagonistas.

O propio Lombera, na inauguración desta mostra, recoñeceu que é «unha oportunidade de homenaxear e poñer en valor estas persoas dedicadas á música no mundo cultural e reivindicalas como unha mostra sobranceira do noso patrimonio inmaterial». Na súa intervención, o artista aludiu ás orixes do instrumento rememorando como os peregrinos a Santiago regresaban ás súas localidades e países de orixe levándose gaitas ou como non hai moito tempo non había festa que non tivera un grupo de gaiteiros facendo soar os seus instrumentos. «Tocaban na alborada e facían o pasacalle, acompañaban ao santo na procesión, facían a sesión vermú e tocaban ata altas horas músicas bailables e de moda. Moitas persoas acadaron fama internacional en Europa e Hispanoamérica, ata que a aparición das orquestras modernas con grupos electrificados fixeron que perdesen ese protagonismo, do que deixaron as pegadas no costume popular», lamentou.

Cantigas de Santa María

De igual modo, incidiu na súa representación iconográfica, toda vez que na época romana as gaitas protagonizan moedas, mentres que aparecen miniaturas ilustrando as Cantigas de Santa María, de Afonso X, cun aspecto luxoso, «do que se deduce o carácter culto do seu emprego».

O director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, pola súa banda, resaltou o feito de que «os gaiteiros e gaiteiras da nosa terra contribuíron, e seguen a contribuír, a manter viva a nosa música tradicional e a garantir o futuro dun aspecto moi singular do noso patrimonio inmaterial». Aproveitou para agradecer a Lombera o seu interese en expor «esta mostra na que tanto cariño puxo» na cidade do Lérez, ao tempo que subliñou a súa faceta de escultor.

A este respecto, remarcou que «moitos dos seus traballos pódense considerar obra pública e se distribúen por rúas e prazas do noso territorio. Algúns deles, como a escultura de Valle-Inclán ou o conxunto escultórico de Bóveda, Castelao, Quiroga, Paz-Andrade, Casares e Cabanillas son xa puntos de referencia dentro da cidade».