A pintura, a guinda para unha vida plena

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

cedida

O pontevedrés Manoel Araúxo compaxina as súas obras hiperrealistas co traballo de veterinario

25 nov 2022 . Actualizado a las 10:42 h.

Autodidacta por vocación, Manoel Araúxo Vilar (Pontevedra, 1969) sentiu paixón pola pintura practicamente no berce: «Dende cativo sempre estiven a pintar. Pasaba temporadiñas que o facía, paraba uns anos, volvía outra vez. Xa no instituto retomeino e empecei cos óleos, pero por tempadas. E sempre facendo copias de pintores».

Logo virían os estudos universitarios de Veterinaria na Universidade de Lugo, onde aproveitou o tempo libre que lle deixaban nos últimos anos de carreira as poucas materias que tiña pendentes para tomarse a arte «máis en serio», mais sen abandonar o óleo. A finais dos noventa e co título baixo o brazo, Manoel Araúxo estableceuse na Pobra de Trives onde «vivo só. Non teño nin parella, nin fillos. Vivo nun sitio paradisíaco para este tipo de cousas e teño na parte de abaixo da casa o meu estudo», precisa este pontevedrés que acaba de inaugurar unha mostra no Palacete das Mendoza.

Foi no 2011 cando se produciu un punto de inflexión: «Fai agora once anos que tomei a determinación de adicarme en serio. Xa non limitarme a copiar, senón a producir obras que partisen de mín. Sempre pinto a partir de fotografías, xa sexan retratos de clientes meus, pastores de ovellas... pero, sobre todo, amigos que veñen a cas ou bodegóns con obxectos cotiás que atopo pola casa».

«Sempre estiven coa teima, con moita inseguridade, co medo de non facelo ben... Estaba como medio castrado, non estaba completamente realizado e iso que a veterinaria é vocacional, e é un traballo que me gusta no que levo 25 anos e non houbo un día que non gozara traballando. Pásoo ben, pero non me enche totalmente», reflexiona lembrando aquel ano. «Sabía que tiña que pintar porque dende neno eran os momentos na miña vida nos que máis feliz me sentía», engade precisando que finalmente unha serie de circunstancias determinaron que dera o paso adiante. O feito de que a gandería fose mermando paulatinamente, sumado á crise e a presenza dun segundo veterinario na zona, «que agora xa non está», provocaron que pasara «de traballar, ao mellor, dez horas diarias, que é un traballo moi físico, moi forte, a verme con moito tempo. Tiña traballo para vivir moi folgadamente, pero tamén tempo libre e díxenme ‘está é a miña'».

Nun primeiro momento, propúxose estar todos os días durante un ano dedicando entre cinco e oito horas para demostrarse a paixón que sentía, tempo no que percibiu o apoio, non só de coñecidos ou achegados, senón de descoñecidos, así como observou como o seu estilo ía evolucionando. E eses primeiros 365 días convertéronse en sete anos nos que o pontevedrés empregou a técnica de pastel seco —«non a coñecía e quería facer algo diferente ao óleo»— facendo a súa primeira exposición con nove obras orixinais no espazo O Forno (Bueu). Tras esta mostra, Manoel Araúxo retornou ao óleo, «que é o que me gusta. Emprego a técnica das veladuras sendo a temática a mesma», remarca insistindo en que «a pintura foi a guinda para que a miña vida fora, absolutamente, plena. Xa non quero nada máis».

A súa vida é a pintura, como amosa o feito de que a súa rutina diaria arranca ben cediño pola mañá, en torno as tres da madrugada para adicar unha media de tres ou catro horas á pintura para, acto seguido, comezar a súa xornada laboral como veterinario de grandes animais, de animais de produción, un traballo que lle fai ir de pobo en pobo. Neste punto, aclara que tamén ocupa polas tardes unhas dúas horas á pintura antes de regresar ao traballo.

«Cando teño apuro porque quero acabar un cadro ou porque teño unha exposición e teño gañas de terminar determinadas obras, pois xa estou máis metido. E vir de traballar e meterme no estudo a pintar», refire antes de deixar claro que «é o que máis feliz me fai. A pintura é o que absolutamente me fai ser parte do mundo».

Hiperrealismo

Un dos aspectos que máis chama a atención de Araúxo é que é autodidacta. Á marxe dalgún curso que puido seguir por internet, non estudou en ningunha academia de Belas Artes, senón que o fixo pola súa conta baixo a premisa de error-acerto. E sempre co obxectivo de achegarse o máis posible ao hiperrealismo.

Esta corrente artística é «na que máis cómodo me sinto e na que creo que podo facer cousas das que estea orgulloso», apunta. É o certo é que non é a primeira vez que algunha persoa confunda unha peza súa cunha fotografía dado o nivel de detalle que presentan algunhas das pezas que, por exemplo, expón ata o 11 de Nadal en Pontevedra baixo o título común de Adentros.

«A soidade encántame», refire antes de explicar como é o seu proceso artístico, que comeza cunha sesión fotográfica. «Hai veces que chega con unha, pero normalmente preciso de máis (...). Quito moitas fotos, cambio a intensidade, o diafragma, a luz, a velocidade... e todo con moitísima resolución para conseguir o hiperrealismo. E unha vez que atopo a foto que quero, paso ao ordenador e píntoa», relata sinalando que, aínda que a súa intención inmediata é descansar, xa ten moitas ideas na cabeza para tomar fotografías que asegura que se tomará con calma coa intención de facer entre tres ou catro cadros ao ano. «Seguramente os seguintes cadros serán bodegóns porque é menos intenso, reláxame máis e apetéceme».