De presentacións literarias e proxeccións cinematográficas na festividade de San Brais
PONTEVEDRA CIUDAD
Este 3 de febreriro, Pontevedra e a súa contorna ofrece unha completa programación cultural
03 feb 2026 . Actualizado a las 09:11 h.Este primeiro martes de febreiro, a programación cultural de Pontevedra e a súa contorna é moi variada, abarcando dende presentacións literarias e exhibicións cinematográficas ata diversos actos pola festividade de san Brais.
Literatura
Hoxe • 19.00 horas • Cronopios • Acompañada pola escritora Ledicia Costas, Julia Varela presenta esta tarde a súa última novela Todo por hacer (Ed. B) en Pontevedra. O acto estará aberto ao público ata completar aforo. Esta «non é a primeira novela da xornalista pontevedresa», xa que, segundo destacaron dende Cronopios no 2019 publicou ¿Por qué me pido un gin tonic si no me gusta?, obra «onde a través do humor falaba das preocupacións reais das mozas de trinta». En Todo por hacer, pola contra, «a vida da protagonista Blanca detense trala repentina morte da súa nai. Con corenta e dous anos, debe afrontar un dolo que cobre todo. Non é so o baleiro da ausencia, sente que perdeu demasiado cedo». Nada en Pontevedra e afincada en Madrid, Julia Varela traballou como reporteira no programa Comando Actualidad e é a primeira muller en España comentarista oficial do Festival de Eurovisión.
Exposición
Hoxe • 9.00 horas • Concello de Marín • A exposición Chicas Nuevas 24 horas, que denuncia a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual, poderá visitarse no hall da casa consistorial ata o 12 de febreiro. A mostra está composta por fotografías e engloba tamén a proxección dunha peza documental escrita e dirixida por Mabel Lozano para dar «a coñecer as vivencias e situacións de diversas mulleres e nenas que, desde localizacións tales como, España, Arxentina, Perú, Colombia ou Paraguai, dan o seu testemuño sobre esta lacra social». A exposición inclúe actividades complementarias de carácter social, didáctico e formativos e que se centran en dous piares básicos: a prevención e a concienciación.
Portas
Hoxe • 9.00 horas • Briallos • Cunha alborada e a actuación do grupo de gaitas Brisas do Ulla arrancará a festividade de San Blas para, xa ás 13.00 horas, desenvolverse unha sesión vermú co Trío Arena, que posteriormente amenizará a verbena noctuna, e na que se poderán degustar callos e desenvolverase o sorteo dun xamón. Ás 16.00 horas, actuación da charanga Fanfarria Furruxa, mentres que ás 17.30 e 18.30 terán lugar as Poxas de San Blas para logo, dende as 19.45 horas, procederse á tirada de fogos de artificio que antecederá á chocolatada gratuíta e queimada.
Marín
Hoxe • 12.00 horas • Seixo • O Día de San Blas cunha misa solemne, seguida da tradicional bendición do pan. A continuación, se o tempo o permite, celebrarase a procesión acompañada polo grupo de gaitas de Carballido (Ardán) para, acto seguido, degustarse callos, pan e viño. Xa pola tarde, ás 17.00 horas, pasarrúas coa Charanga Noroeste e, ás 18.30 horas, misa vespertina.
Pontevedra
Hoxe • 9.00 horas • Salcedo • Esta parroquia pontevedresa continúa coas celebracións de San Brais programando este martes misas as 9, 11, 13 (solemne con procesión), 17 e 18 horas. O pasarrúas e a procesión estarán acompañados por un grupo de música tradicional.
Cinema
Hoxe • 20.30 horas • Teatro Principal • O público de Pontevedra ten a oportunidade de revisitar o filme Ao final da escapada (À bout de souffle), opera prima de Jean-Luc Godar que volve pasar por salas nunha nova copia restaurada. Considerada como pedra angular da nouvelle vague francesa, a proxección desta película ven da man do Cineclube Pontevedra.
Cinema
Hoxe • 18.30 horas • Praza de Abastos • O filme Una pastelería en Tokyo inaugura o festival de cine gastronómico no Mercado de Abastos de Pontevedra. Os primeiras trinta asistentes a proxección recibirán unha degustación vinculada ao filme. Ao término do mesmo, desenvolverase un coloquio aberto conducido por As Greas e Umani Poke. Entrada libre ata completar aforo.
Curso
Hoxe • 19.00 horas • Museo de Pontevedra • Co título Máis que Musas, desenvolvese este curso estruturado en oito sesións, cada unha dedicada a unha muller relevante na historia da arte, e impartido pola profesora Marta Riera, doutorada en Belas Artes. Ao longo de oito semanas, o seminario «cuestionará o papel da muller na historia canónica da arte. Para iso percorre diversos contextos culturais, xeográficos e temporais de mulleres vinculadas a distintas disciplina artísticas, e analiza as súas experiencias vitais e o seu legado no presente». Esta primeira sesión está dedicada a Élisabeth Vigée Lebrun, retratista de María Antonieta.
Teatro
Hoxe • 10.00 e 12.00 horas • Afundación • O auditorio da sede Afundación de Pontevedra acolle unha nova proposta escénica dentro da súa programación de actividades para escolares. Unboxing Alice, de On Stage Company, está dirixida a público de 5º e 6º de primaria e se espera que asistan máis de novecentos estudantes procedentes de catorce centros educativos de Pontevedra e localidades próximas.