Bouzas comeza cun esixido triunfo en Sanxenxo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

SANXENXO

CEDIDA

A vilagarciá venceu en tres sets a letona Tomase

16 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As instalacións do Círculo Cultural Deportivo Sanxenxo abriron onte os cadros finais do seu segundo torneo internacional júnior en dúas semanas. Logo da disputa do Provincia de Pontevedra-Viajes Interrías, a alumna vilagarciá da Academia Tenis Ferrer busca mellorar o posto de semifinalista co que completou tanto o cadro individual como o de dobres a semana anterior, pelexando polos títulos do 18º. Torneo Internacional Júnior de Sanxenxo-Fuente Liviana, outro Grao 2.

Nesa liña, Bouzas, que volve partir como cabeza de serie número 1 tanto soa como de novo acompañada pola húngara Amarissa Kiara Toth na competición por parellas, superaba onte o seu primeiro obstáculo no cadro individual. Accedendo aos oitavos de final non sen ter que exprimir o seu xogo, para remontar o adverso 3-6 co que rematou o seu primeiro set ante a letona Elza Tomase, número 280 do ránking ITF Tennis Junior. Un 6-4 e un 6-3 posteriores permitíronlle medirse no día de hoxe a tenista francesa Juline Fayard. Esta última, actual número 212 do circuito mundial Sub-18, no que Jéssica Bouzas iniciou unha semana máis ocupando o posto número 53.

A vilagarciá abre hoxe o cadro de dobres xunto a Toth nos cuartos de final, aos que accederon exentas da primeira rolda. Xogarán, coma onte, nas pistas cubertas de terra das instalacións do Círculo Cultural Deportivo Sanxenxo, e non nas de pista dura ao aire libre asociadas ao Torneo Internacional Junior de Sanxenxo. Un cambio orixinado pola choiva caída onte, e que se estende á xornada de hoxe, con alerta de temporal.