Entrevista | Jesús Caramés Bouzán «O crecemento natural de novos recursos será en Conxo, que é onde hai máis espazo. Aínda que non haberá hospitais de primeira e de segunda, todo é un complexo único»
28 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.? día 10 asumiu a xerencia do CHUS Jesús Caramés, que neste tempo tivo numerosos encontros con autoridades e con persoas de diferentes ámbitos da cidade, e designou os primeiros directivos. Anuncia que «nun máximo de 15 días» espera completar a nova dirección «que intentarei que sexan profesionais de aquí, salvo raras excepcións. Estou falando con moitos para buscar os máis idóneos. Se é xente que coñece o hospital gañamos tempo». Afirma que ve moitas similitudes entre os hospitais de Santiago e os da Coruña, cidade onde ocupaba antes a xerencia: «aquí hai unha parte de docencia que Coruña non ten; no resto a problemática é moi similar». -Ese plano é preciso por factores como o progresivo envellecemento da poboación, a necesidade de utilizar mellor a tecnoloxía, ou a esixencia dos doentes de que se lles informe mellor e se atenda o seu actual estatus de consumidores de recursos sanitarios. O plano pretende que o conxunto do hospital decida liñas estratéxicas para un horizonte a dez anos vista, e que as novas infraestruturas respondan a esas decisións. -¿E como se vai elaborar e concretizar? -Quero que a elaboración sexa moi participativa, que interveñan directamente 300 ou 400 profesionais e o resto poderán opinar a través da Intranet e por outros procedementos. Comezaremos a traballar de forma inmediata coa idea de o finalizar antes de que acabe o ano. O crecemento natural de novos recursos será en Conxo, que é onde hai máis espazo. Aínda que non haberá hospitais de primeira e de segunda, todo é un complexo único e debe funcionar como tal. -O PSdeG-PSOE reivindicou máis camas para Santiago, ¿son necesarias? -O CHUS ten unhas 1.200 camas e, para a poboación que atende, é unha cifra baixa de a compararmos con outras áreas e talvez precise algunha cama máis. Non obstante, temos marxe para mellorar, con máis cirurxía maior ambulatorio e hospitais de día, que non requiren máis camas. O que noto é unha carencia de recursos para doentes críticos que penso se debe solucionar de forma rápida, e xa solicitei ao Sergas máis camas para poder incrementar a cirurxía, porque se queremos operar pola tarde precisamos máis camas de intensivos e de reanimación pós-cirúrxica. -¿Ve necesario aumentar o cadro de persoal? -Nos hospitais de Santiago a relación de persoal por cama está en cifras medio-altas respecto ao conxunto dos hospitais galegos. Vamos estudar áreas, unidades e servizos para ver as necesidades reais e tomar decisións. De feito en urxencias xa se fixo un incremento, que permitiu acabar coa folga que había. -Anunciou colaboración con atención primaria, ¿que prevé nese ámbito? -Na sanidade, o cambio máis importante dos próximos anos será a atención primaria, que terá que asistir mellor aos doentes crónicos para evitar que ingresen menos no hospital, e facer un maior esforzo en educación e promoción da saúde. Os médicos e enfermería de primaria teñen moito que dicir en patoloxías moi importantes. Proximamente definiremos actuacións en reunións conxuntas. -¿Cando funcionarán a unidade de reproducción asistida e o ciclotrón, e se farán abortos no hospital? -Do ciclotrón espero que acaben as obras en breve e comece despois de verán; faremos xestión conxunta co Medtec, pois será utilizado para asistencia e investigación. A unidade de reproducción estará nun ano ou ano e medio. E do aborto aínda non tiven tempo de falar con todos os xinecólogos, e penso que é moi xusta a reivindicación da conselleira para que se faga aquí e evitar que as mulleres peregrinen ao exterior. -Hai nove xefaturas de servizo sen cubrir... -Si, e confío en resolver tamén iso antes de fin de ano. Mandei facer un relatorio rigoroso da que está xudicializada; e das outras esperarei a que, en dous ou tres meses, se aprobe a nova normativa que elabora a consellería para tomar as decisións.