Manuel Bermejo: "Non fixen nada extraordinario; vivín como o que son, como galego"

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

O catedrático emérito recibiu o premio Luís Porteiro polo uso e promoción da lingua

15 sep 2017 . Actualizado a las 20:03 h.

No Paraninfo de Historia, no mesmo lugar onde o 16 de setembro de 1915 o profesor Porteiro, catedrático de Dereito Civil da USC, leu a primeira lección en galego da que se ten constancia, o catedrático de Química Inorgánica Manuel Bermejo Patiño recolleu o premio que leva o nome do primeiro e que recoñece a promoción e o uso do galego no eido universitario. O xurado outorgou o premio ao profesor emérito de entre quince propostas de oito candidatos, e o fixo para recoñecer que Bermejo xa desde os anos 70 empregou o galego con normalidade tanto nas clases como nos seus traballos de investigación. Dese esforzo deixou pegada o mestre entre os alumnos que agora son profesores e que seguen a empregar o galego, tal e como recoñeceu o homenaxeado no seu discurso. Bermejo Patiño mostrouse emocionado e agradecido polo galardón e dixo, ante o auditorio do Paraninfo, que el non fixera nada extraordinario máis que "vivir como o que son, como galego".

Confesou que nunca se sentiu perseguido nin ameazado por expresarse en galego, pero fixo unha chamada de atención á USC e, en particular, ao reitor Juan Viaño, que foi quen lle entregou o premio, pola falla dun protocolo que promova o uso da lingua autóctona no eido académico, onde, segundo o catedrático, quen se expresa en galego faino a título individual. "Estamos perdendo a batalla da lingua", asegurou.