Lorca, Mariscal e Montero Ríos, no Obradoiro

Quique Alvarellos

SANTIAGO

CEDIDA

A escultura do político non gustou nada ao futuro poea granadino

25 feb 2018 . Actualizado a las 09:34 h.

A primeira vez que Federico García Lorca pisou o Obradoiro foi o 26 de outubro de 1916. Tiña 18 anos, cursaba primeiro de Letras e Dereito na Universidade de Granada, e viña de viaxe de estudos co seu mestre Berrueta e catro alumnos máis, un deles, Luis Mariscal Parado. No medio da praza topáronse cunha polémica escultura que levaba en pé uns tres meses, pois fora inaugurada precisamente o 30 de xullo dese mesmo ano. Obra do artista valenciano Mariano Benlliure, representaba ao xurista e político compostelán Eugenio Montero Ríos, quen fora «todo» no Santiago e na España da Restauración, a do último terzo do XIX mais tamén na España de inicios do XX (Montero Ríos chegaría a presidente do Goberno en 1905). O coñecido como «Cuco de Lourizán» morrera en 1914, dous anos antes da colocación do monumento. A imaxe que traemos hoxe á nosa crónica é a do día da inauguración da escultura, dese 30 de xullo de 1916. O fotógrafo Luis Ksado e a publicación que a difundiu no seu día, tamén unha vez máis Vida Gallega (no seu número 74 de setembro de 1916). Ksado-Vida Gallega dános imaxes únicas da nosa historia.

Resulta que a decisión de erguer, no medio dunha das prazas máis fermosas (e expeditas) do mundo, un monumento (un atranco estético), na honra dun político, por moi todopoderosa que tivera sido a súa figura, non xerou, nin moito menos, consensos. O propio clero posicionouse en contra: Un liberal ollando en fite as torres da Catedral? Non podía ser. Pero había, á parte, outros moitos motivos, artísticos e históricos, para cuestionar tal ubicación.

Foi tal o rexeitamento que produciu nos estudantes granadinos que Federico García Lorca chegaría a chamarlle «salivazo odioso» á obra de Benlliure. Escribirá no seu primeiro libro Impresiones y paisajes (do que se conmemoran, en abril, cen anos): «¡Qué salivazo tan odioso a la maravilla churrigueresca de la portada del Obradoiro y al hospital grandioso! (...) Esta monomanía caciquil de derribar las cosas viejas para levantar en su lugar monumentos dirigidos por Benlliuse o Lampérez!».

O seu compañeiro de estudos, Luis Mariscal, non se quedara atrás nos seus cualificativos. «Este monumento tiene el agravante de su insignificancia (...) Esta estatua se satisface con ocupar su puntito en la inmensidad y aún le viene holguero, se contenta con manifestar un modesto querer y no poder nada más». Publicaba isto na prensa da época, e esta crónica aparece recollida estes días nun novo libro que reúne o caderno de viaxe completo daquela excursión de Lorca e amigos de 1916, volume no que estiven traballando estes dous últimos anos.

Os mozos marcharon de Compostela tres días despois, camiño da Coruña, Lugo, León... Mentres que a estatua de Montero Ríos quedaba aquí chantada, no Obradoiro, e resistiu aínda... doce anos máis. Ata 1928, cando foi desprazada á actual praza de Mazarelos, diante da facultade que hoxe acolle Filosofía.

Cando en 1932 Federico García Lorca, xa enorme poeta, regresa a Compostela e recibe unha histórica homenaxe republicana no célebre Bar Viño de Mazarelos, atoparase diante, de novo, a moi poucos metros, co monumento a Montero. Así de teimuda e aquelada adoita ser ás veces a historia.