Honran a Rosalía con música, poesía e caldo de gloria

u. lópez / J. gómez

SANTIAGO

cedida

En Santiago, varios centros da rede de Escolas Católicas asumen hoxe a iniciativa impulsada pola Fundación Rosalía

22 feb 2019 . Actualizado a las 04:50 h.

Hoxe • Mañá e tarde • O Concello de Padrón celebra hoxe a II Gala Rosaliana, cunha decea de actividades culturais e musicais ao longo da xornada para conmemorar o Día de Rosalía. As 12 da mañá, no Paseo do Espolón, ofrenda floral ante a estatua da escritora e no auditorio recital poético por parte de alumnos dos centros educativos. Pola tarde, presentación dun libro e visionado do vídeo Caldo de Gloria.

En Santiago, varios centros da rede de Escolas Católicas asumen hoxe a iniciativa do caldo de gloria, impulsada pola Fundación Rosalía. Son os colexios Os Remedios, San Jorge, La Salle, Compañía de María, Divino Maestro, Cluny, Inmaculada, e Casa do Neno, que teñen programado servir un caldo como primeiro prato no comedor.

Esta actividade pretende conmemorar o Día de Rosalía lembrando «Miña casiña, meu lar», de Follas novas. Nesa poesía, unha muller pobre relata como sobrevive. Esa muller, que vai de Santiago a Padrón, chega á casa mollada e con fame, e sobrevive grazas a un humilde caldo de gloria e un bolo do pote, ao pé da quentura da lareira no seu lar.

A libraría Pedreira ofrece unha alborada, con gaiteiros, mañá desde as 12.00 e ofrece que se lea un poema de Rosalía, e o caldo de gloria.

Esta celebración é este ano máis asumida no país. Así, en Brión cinco establecementos hostaleiros -Café BTV, Casa Filiberto, Hotel Casa Rosalía, Kratos e O Repouso- ofrecen o caldo hoxe, mañá e o domingo, e secundan a programación do Concello para homenaxear a Rosalía.