O programa de Festas do Apóstolo aposta pola variedade de estilos e as formacións galegas

La Voz

SANTIAGO

CESAR TOIMIL

Xoel López, Budiño, La Casa Azul, La M.O.D.A. e Milladoiro encabezan o cartel, que reserva o día 26 para o festival Compostela TradFest. O actor Luís Zahera será o pregoeiro

15 jul 2019 . Actualizado a las 17:16 h.

O programa das Festas do Apóstolo deste ano inclúe concertos na Quintana, música diaria no Toural, festivais tradicionais e actividades para tódolos públicos. Toda a oferta seguirá sendo de balde. Moitas das propostas xa foran cerradas polo anterior goberno local, de Compostela Aberta, e o novo equipo «incluíu varias pinceladas», afirmou o concelleiro de festas, Gonzalo Muíños. Unha delas foi a elección do pregoeiro, que será o actor compostelán Luis Zahera, gañador do Goya ao mellor actor de reparto este ano. Tras o pregón nos balcóns do Pazo de Raxoi, o primeiro día, o venres 19, comezará cos concertos de Zalón no Obradoiro e de Budiño na Quintana.

Os principais artistas que ocuparán a Quintana serán Xoel López, o domingo 21, seguido da banda estadounidense The Main Squeeze, o día seguinte. La Casa Azul será a actuación estelar da noite do 23, e La M.O.D.A, do día 24. A música galega estará presente co concerto conxunto de Leilía e Milladoiro o xoves 25, e co compostelán Fredi Leis o último día, o 31 de xullo. Haberá dúas citas sinaladas coa actuación o día 29 da Banda Municipal de Música acompañada de Gallaecia Big Band, e da Real Filharmonía de Galicia o día 30. Para estes dous concertos haberá que retirar un tique previo para o control dos asentos. Ademáis das actuacións da Quintana, na praza do Toural haberá música tódolos días para apoiar as bandas de Santiago. Tamén terá lugar no Toural o recital do maestro cubano Rey Montesinos con Jamila Purofilin, o luns 22.

Outro punto forte das festas será o festival Compostela TradFest que La Voz de Galicia organiza o día 26, con actividades abertas á participación do público durante todo o día en distintos espazos do casco histórico e do Ensanche e que rematará pola noite cun gran concerto na praza da Quintana. A mostra de coches de época, o día de Padrón ou os torneos de chave complementan o programa, que tamén reserva actividades para outros puntos da cidade, como en San Martiño Pinario, Bonaval, Vite ou Belvís. Na Alameda, haberá orquestras durante seis ou sete días.

A organización volverá a situar na Praza do Toural un punto lila para información e acompañamento sobre as agresións sexuais. Traballará do día 20 ao 31 e o seu horario será de 12.00 a 13.30 horas e de 21.00 a 01.30 da madrugada. Ademais, o Concello levará a pleno a proposta do BNG de implantar un horario sen música para incluír aos nenos con diversidade funcional. «Parécenos boa idea, a nosa intensión é pórse en contacto cos responsables dos postos para valorar as horas nos que levalo adiante xa dende o primeiro día», explicou o concelleiro Gonzalo Muíños.