A Casa de Rosalía acondicionará o pavimento dos exteriores para mellorar a súa accesibilidade

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

SANTIAGO

MERCE ARES

A fundación de Padrón firmou onte dous convenios coa Consellería de Cultura por 65.000 euros

18 jul 2019 . Actualizado a las 05:10 h.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou onte a Casa de Rosalía en Padrón, onde plantou unha camelia na horta e asinou dous convenios de colaboración coa fundación que leva o nome da escritora. No acto tamén estiveron presentes o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Padrón, Antonio Fernández; a concelleira de Cultura, Lorena Couso; e o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro.

O primeiro dos convenios, por importe de 40.000 euros, permitirá o acondicionamento dos accesos á Casa da Matanza, de modo que a actual grava branca será substituída por terra estabilizada. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, explicou que este cambio non só servirá para mellorar a accesibilidade á casa, cun pavimento máis limpo, senón que tamén harmonizará co aspecto orixinal do inmoble e da horta.

O segundo dos convenios firmados onte, por importe de 25.000 euros procedentes da Secretaría Xeral de Política Lingüística, permitirá á fundación levar adiante programas de actuación orientados a coñecer con rigor intelectual a figura da escritora, a súa produción e publicacións, así como continuar cos labores de recompilación da súa obra para completar a biblioteca e o arquivo rosaliano, de xeito que poida ser consultada polos investigadores e estudosos de Rosalía.

Tanto o conselleiro como o presidente da fundación rosaliana coincidiron en sinalar que os convenios se enmarcan na relación de colaboración que manteñen as dúas institucións para mellorar un espazo que Román Rodríguez cualificou de referencia en Padrón e en Galicia.