María Mera: «Iso da conciliación non existe. As mulleres témolo realmente difícil»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O seu papel na serie «O sabor das margaridas» supuxo «un antes e un despois»

10 mar 2021 . Actualizado a las 00:02 h.

A familia ocupa o papel principal da súa vida. María Mera Constenla (Boqueixón, 1986) xa traballaba na tele antes de facer Xornalismo en Madrid, titulación universitaria que fixo en liña para poder «compaxinar» coa súa incipiente, daquela, carreira profesional. Logo dos primeiros pasos como reporteira e redactora, María Mera, que tamén posúe estudos de arte dramática, consolidou unha traxectoria como actriz e presentadora. Dalia, a modista e O sabor das margaridas son dúas series premiadas e producidas por CTV nas que María interpreta senllos personaxes protagonistas. «As Margaridas supuxo un antes e un despois. O papel de Eva Mayo neste thriller policial foi o máis difícil que me deron; todo un reto interpretar un personaxe que aparentaba ser unha cousa, pero por dentro tiña un mundo emocional complexo. Ademais era unha muller que rompía con moitos clichés, protagonista e sen unha historia de amor ligada a un home. Foi unha experiencia moi interesante para min», segundo destaca a actriz desta produción, cuxa segunda temporada se poderá ver axiña na plataforma Netflix.

Estar casada con Ghaleb Jaber Martínez, produtor executivo de CTV, non a favoreceu profesionalmente: «Considero que me cerrou portas, porque hai xente do sector que pensa que xa teño traballo asegurado, cando eu non teño nada que ver coa produtora; eu teño a miña independencia económica, el ten o seu traballo e eu o meu», advirte a muller, que deseguido destaca que de Ghaleb aprende «tanto» cada día, ao tempo que o cualifica como «unha persoa marabillosa e de gran corazón», ao que di «admirar». María e Ghaleb son pais de dúas nenas de cinco e dous anos, Dalia e Lila. «Iso da conciliación non existe. Dame o riso. As mulleres témolo realmente difícil. Eu sempre levo as miñas nenas ás rodaxes, porque ademais son moi partidaria da lactancia materna. E neste oficio sabes a que hora entras, pero non a hora de saída. Desde que fun nai dei teta as miñas fillas en todas as rodaxes. Os actores temos moito tempo libre cando non estás en escena, aínda que hai que estar alí. E nos tempos mortos aproveitaba», tal como explica Mera, que igualmente sente que se lle «restaron» oportunidades por ser nai. «Iso vivino e é durísimo. Ao estares pendente das cativas, teño que preguntar máis polo miúdo sobre os horarios cando me chaman, entón notas que molesta preguntar demasiado e xa prefiren pasar a outra opción», conclúe a actriz-nai, que no último mes participou en catro probas de proxección nacional. «Hai que facer trinta cástings para que saia un. E estou moi agradecida aos directores destas seleccións por contaren comigo. Agora ben, se teño traballo na miña terra, en galego e preto da familia, prefiro quedar aquí que ir a ningures. Non teño ambición de máis», conclúe.

Feminista? «Sempre. Gústame poñer en valor o que é a muller. Hai moitas cousas que cambiar e mellorar, empezando por devolverlle a igualdade que se lle quitou. Sigo vendo moito machismo, diferenzas salariais, malos tratos…». O seu soño declarado é ver as súas nenas felices e velas medrar cunha educación boa. Caseira e familiar, á actriz gústanlle as series, a lectura e o ioga: «Agora estou a ler moitas cousas de maternidade e sobre o método Montessori, un tipo de modelo educativo. E de series vexo de todo, depende da época». María e Ghaleb andan agora a facer unha casa en Brión. «Estou moi ilusionada, porque, como din, é o maior investimento das nosas vidas. O certo é que é un rompedeiro de cabeza e un proceso longo, pero estamos dispostos a desfrutalo. Temos a vantaxe de que coincidimos nos gustos e os dous somos bastante organizados», afirma.