Galiciana, a memoria dixitalizada galega con seis millóns de documentos

M. G. Iglesias SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

O portal facilita o acceso ao patrimonio bibliográfico e documental

16 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

De libros incunables do século XV a documentos de catastro parcelario. De prensa histórica a postais. De clásicos da literatura galega como Rosalía e Pondal ata o proceso administrativo para permitir a chegada da vía ferroviaria. Máis de once séculos de patrimonio bibliográfico e documental de Galicia accesibles a través da Rede en calquera momento. Iso é Galiciana, un proxecto desenvolvido pola Xunta de Galicia aberto a todos os públicos que recompila desde prensa histórica dixitalizada ata recursos dos diferentes arquivos galegos. En total, máis de seis millóns de documentos dixitalizados dispoñibles para a consulta. «Galiciana é o testemuño dixital de Galicia, da cultura escrita e administrativa; e o máis importante, que a calquera hora se pode acceder a este patrimonio documental e bibliográfico», explica a xefa de servizo da Biblioteca de Galicia, Noelia Bascuas Ferreiro.

O proxecto Galiciana conta con dúas partes diferenciadas. Por un bando, está a Biblioteca Dixital de Galicia, con máis de 6.800 obras dixitalizadas de fondos bibliográficos que suman 2,5 millóns de imaxes. Trátase de obras tanto da Biblioteca de Galicia, como da Universidade de Santiago, o Museo do Pobo, a Fundación Penzol de Vigo, a Real Academia Galega e o Seminario de Mondoñedo, entre outros. Ademais da Biblioteca Dixital de Galicia, Galiciana conta co Arquivo Dixital de Galicia, con máis de tres millóns de imaxes dixitalizadas de fondos documentais custodiados por 54 arquivos de diversa titularidade, tanto pública como privada, incluíndo os da administración autonómica, pero tamén a local e institucións e organismos culturais e eclesiásticos.

Accesibilidade e preservación

«É fundamental todo este proxecto, e os de dixitalización en xeral, porque é moito máis fácil para os usuarios acceder a este tipo de patrimonio, tanto para os investigadores como para os curiosos que queiran coñecer máis da historia de Galicia. Pero outro aspecto importante é que se trata dun xeito de preservar os documentos orixinais. Por exemplo, a prensa histórica galega normalmente estaba impresa nun papel moi delicado con tintas que non eran demasiado boas, entón é moi doado que se deterioren con uso. Se dixitalizas, dás acceso e preservas ese documento orixinal», resalta Noelia Bascuas Ferreiro.

O acceso a toda a documentación dispoñible en Galiciana é moi doado. Deste xeito, no caso dos fondos da Biblioteca Dixital de Galicia, son de libre acceso para os usuarios sen necesidade de rexistrarse, excepto os que teñen limitada a súa consulta para protexer os dereitos de propiedade intelectual. Neste caso, as obras pódense consultar presencialmente. No caso do Arquivo Dixital, a única limitación son para aqueles datos protexidos pola lexislación vixente.

Un pergamiño do século IX e varios incunables

O portal Galiciana impulsado pola Xunta permite facer un percorrido documental ao longo de once séculos. O documento accesible máis antigo é o pergamiño que custodia o Arquivo do Reino de Galicia con data de 7 de maio do ano 867 no que Rosendo, bispo de Mondoñedo, doa ao mosteiro de San Vicenzo e San Xoán de Almerezo o lugar de Almerezo con todo o que posúe nel. Pola súa banda, na Biblioteca Dixital de Galicia os documentos con máis anos son o manuscrito «Legenda Aurea», do Beato Jacobo de Vorágine, do século XIV; e o incunable «Sermones de patientia in Job», de 1471.

Incorporación dos fondos da Guerra Civil e a posguerra

A Xunta iniciou o proceso para dixitalizar os fondos documentais vinculados á Guerra Civil e a posguerra que se atopan nos arquivos históricos que custodia a Consellería de Cultura. A previsión é sumar 1,6 millóns máis de imaxes no apartado de Arquivo Dixital de Galiciana.

Dispoñibilidade de grandes clásicos da literatura

A Biblioteca Dixital de Galiciana conta cun apartado no que se poden atopar grandes clásicos da literatura galega. Neste caso, non só se trata da súa dixitalización, senón que tamén se incluíron en Galiciana novos formatos, como o ePub, para permitir ler as obras en tabletas. A colección está formada por unha trintena de títulos da autoría de Rosalía, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Sofía Casanova e Marcial Valladares, entre outros.

Os usuarios medraron máis do 50 % este ano

O portal Galiciana experimentou un forte crecemento durante a pandemia. «A subida chegou a ser do 100 % nalgúns días. A vantaxe é que houbo xente que nos coñeceu durante o confinamento e se mantivo fiel», asegurou a xefa de servizo da Biblioteca de Galicia. No caso do Arquivo Dixital contabilizou 133.044 usuarios nos nove primeiros meses, o que supón un alza dun 51,8 % no último ano. A Biblioteca Dixital sumou 109.501 usuarios, un 45,9 % máis, segundo os datos da Consellería de Cultura.

A prensa histórica galega, a que máis consultas esperta no portal

Un dos apartados de Galiciana que máis interese esperta entre os usuarios é a prensa histórica, principalmente, por parte dos investigadores, destaca a xefa de servizo da Biblioteca de Galicia. De aí que tamén, segundo engade, nos proxectos de futuro fagan especial fincapé na dixitalización de este tipo de patrimonio cultural.

En canto aos documentos máis descargados nos nove primeiros meses do ano, no caso da Biblioteca Dixital de Galicia, foron no apartado de revistas Nova Galicia: revista semanal, órgano dos gallegos é pr’os gallegos n’as Amérecas e Vida gallega: ilustración regional. En canto as monografías, á cabeza situáronse Aires d’a miña terra: colección de poesías gallegas, de Curros Enríquez; Queixumes dos pinos, de Eduardo Pondal; e Interesante historieta del coto mixto: con una disgresión político-social-religiosa, de Delfín Modesto Brandon.

Documentos do catastro

No apartado de Arquivo Dixital de Galicia, os documentos máis consultados ata o 30 de setembro foron as fotografías aéreas do catastro parcelario dos anos 50 do século XX nos concellos de Lugo, Vilalba, Pantón e Monforte. Se se ten en conta os máis descargados, tamén se sitúan as fotografías aéreas dese mesmo catastro, pero neste caso correspondentes aos concellos de Monforte de Lemos, Ortigueira, Vilalba e Lalín. No caso do Arquivo Dixital de Galiciana, a través do portal dáse acceso non só a información contida nos documentos, senón tamén, en moitos dos casos, as súas imaxes. Nel pódense atopar tanto documentos textuais como cartográficos, iconográficos ou audiovisuais que forman parte do patrimonio documental galego desde o século IX ata a actualidade e non teñan datos protexidos pola lexislación actual.