Unha ollada diferente

Miguel Fernández TRIBUNA

SANTIAGO

02 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As chamadas persoas sen fogar, sen teito, constitúen unha realidade moi poucas veces visibles nas nosas cidades. O número é relativamente reducido, en comparación con outras realidades sociais. Tamén normalmente ocupan espazos públicos menos transitados e outros nalgunhas ocasións son xa coñecidos polas veciñas e veciños. Os recursos públicos e privados destinados a este colectivo son sempre insuficientes. Na nosa cidade é ben coñecido o Albergue de San Francisco, que permite durmir a varias decenas de persoas, durante un tempo determinado aceptando unha serie de normas de convivencia imprescindibles. Isto deixa fora a algunhas delas. O Concello ten previsto dende hai varios anos, e esperemos que pronto poida poñerse en marcha, a apertura dun centro público en Belvís, con idea de que permita unha estancia temporal maior con axuda profesional para que poida darse o proceso de saír da rúa. Hai tamén algún modelo de Housing First, que pretende ofrecer vivenda como primeiro elemento sen condicións previas de tratamentos ou abstinencia. Por aí parece que deberían ir os tiros cara ao futuro para abordar esta realidade. Por outra banda, o Concello en colaboración con Cruz Vermella ten un servizo, o Semur, de atención tódolos días do ano a persoas que dormen na rúa: acompañan, axudan... ben interesante e ben valorado.

A cuestión é que as derivadas vitais que explican que unha persoa remate na rúa, son moi complexas e xunto con elementos relacionados coa pobreza, o desemprego, a desestruturación social e familiar ou a falta de vivenda, existen tamén problemáticas de adiccións e en moitos casos de saúde mental, difíciles de afrontar, tendo en conta ademais que as persoas adultas son persoas libres e resulta difícil e mesmo sería inxusto, impoñerlles medidas coas que non están de acordo. En realidade unicamente existe a vía xudicial da incapacitación para os casos máis graves, unha vía sempre lenta e complicada). Outras medidas só trasladan a situación de lugar sen abordar o problema.

A fonda crise actual de acceso á vivenda, convertido xa no principal problema da nosa sociedade, está a supoñer un incremento significativo das persoas sen fogar, que abrangue xa a persoas que non responden as tipoloxías máis tradicionais deste colectivo. Pero estas persoas habitualmente invisibles, pasan a un primeiro plano cando se atopan en lugares céntricos e digamos que «estorban» parte das nosas actividades cotiáns. Dende hai anos fálase en Compostela de grupos de persoas que adoitan situarse na praza do Toural, acusadas de condutas incívicas, e neste momento temos o caso dunha persoa que se estableceu en Cervantes. Non se trata de que falten recursos das administracións públicas, que cumpriría mellorar sen dúbida; nin por suposto desinterese pola súa parte. Non se trata tampouco de boa vontade cidadá, que sempre é ben acollida. Trátase de persoas, de seres humanos, complexos, difíciles sobre os que precisamos cambiar a nosa ollada, sempre, non só cando se converten nunha realidade molesta, porque entón moitas veces xa é demasiado tarde.

Miguel Fernández Blanco é presidente da Plataforma polo Emprego e voluntario de Cáritas Interparroquial-Santiago.