As impresionantes colas para escoitar a 9Louro na Igrexa da Universidade de Santiago que amosan o novo fenómeno da música en galego
SANTIAGO
Moitos dos que o xoves pasado camiñaban polo casco histórico compostelán se preguntaban que que pasaba? No emblemático recinto, e ao amparo do Outono Cultural da USC, ía cantar Martín Louro, un dos creadores que renovan a música feita en Galicia, conectando cos mozos: «Pensabamos que ía a haber xente, pero non esa cantidade»
25 nov 2025 . Actualizado a las 12:01 h.
«Vendo os concertos que xa nos piden para o 2026 xa notabamos que algo se mobilizaba, pero, aínda así, o do xoves pasado en Santiago foi moito. Eu ata gravei máis de minuto e medio de colas, que chegaban á rúa da Caldeirería. Cando se abriron as portas da Igrexa da Universidade, era unha pasada ver á xente correndo para ter sitio nas primeiras filas, trala cinta de separación. Xa no concerto, todo o público estivo enchufadísimo, cantando os temas máis coñecidos, como Os meus males, Eu e Ti, Miss Xeixo ou Hoxe non volvo», lembra, agradecido, Álvaro, o representante de Martín Louro, coñecido no eido musical coma 9Louro, polo un proxecto persoal e visualmente innovador que combina ritmos da música galega con influencias do afro, funk brasileiro ou trap.
O son e as letras, descarnadas — nas que fala da soidade, o desencanto ou o valor da amizade—, do músico, de 20 anos e natural de Muros, conectan directamente cun público adolescente e universitario, que o aúpa nas plataformas dixitais e nas redes sociais, consolidándose como un dos novos fenómenos galegos da música urbana, algo que de novo quedou de manifesto a semana pasada en Compostela.
O concerto, enmarcado dentro da programación musical Outono Cultural da USC, era de balde, cun máximo de dúas entradas por persoas, e un acceso por Mazarelos que comezaba ás 20.30 horas. Sen embargo, xa dende horas antes, as ringleiras de mozos chamaban a atención dos que pasaban.
«Pensabamos que ía a haber xente, pero non esa cantidade», refrenda Álvaro, sinalando, aínda así, que todo o que aconteceu desde que no 2024 Martín Louro pechouse para parir o seu primeiro disco, Nove Noves, e coa expectación dos máis de 20 concertos que deu xa neste ano, afianzan ao artista, un novo nome da xa inesgotable canteira de artistas e grupos musicais de Muros.
Martín Louro é, de feito, o irmán de Xanma Louro, guitarrista e vocalista de The Rapants, un dos músicos, xunto a Willow (Darío Burgos), Kid Mount (Manuel Rodríguez), Xian Pais, Fabio Vázquez, Diego Flaneur (Diego Gallego) ou Under (Ander López Gómez), que tamén estivo no escenario da Igrexa da Universidade.
«Ao final Martín tivo que volver a saír; sacouse fotos con todos os mozos que estaban alí. Deulle rabia que houbese xente que quedase sen poder entrar e por iso avanzou que intentaría volver a Santiago, nunha sala máis grande, no 2026, pero aínda non hai data pechada», aclara Álvaro, remarcando que neste final de 2025 só lles resta un concerto, o que terá lugar o 13 de diciembre na Sala Conservera, en Viveiro. «A partir de aí descansaremos ata as datas do novo álbum», avanza, aludindo a A Morrer, o disco do que xa se desvelaron dous avances, Pelijroso e Estaremos Mortos. Mañá saírá o terceiro.
«Eu que vivín o crecemento de The Rapants vexo que, aínda que veloz, foi máis orgánico. No caso de 9Louro é aínda máis rápido», estima o representante dun dos novos creadores que están a renovar a música feita en Galicia.