A rede galega de teatros achega trece actuacións para Ames

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

AMES

cedida

A programación foi presentada na Casa da Cultura do Milladoiro

23 ene 2020 . Actualizado a las 05:05 h.

As casas da cultura do Milladoiro e Bertamiráns acollerán ata abril trece actuacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). O director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e a concelleira delegada de Cultura de Ames, Natividade González de Jesús, xunto a moitos dos creadores e intérpretes das montaxes propostas, participaron na presentación na Casa da Cultura do Milladoiro.

O cartel abrirao Chévere o día 31 en Bertamiráns, onde tamén poderá verse o musical de A Gramola Gominola Bravas, o Rexurdir (7 de febreiro). Teatro da Ramboia representará O meu mundo non é deste reino o 6 de marzo, e Talía Teatro fará dous pases de Lambetadas o Día Mundial do Teatro (27 de marzo).

Na Casa da Casa da Cultura do Milladoiro poderá verse a Contraproducións con O electo ( 7 de febreiro), Xampatito Pato con (6 de marzo), Producións Teatrais Excéntricas con Medida x Medida (13 de marzo), Talía Teatro con Vida de cans (27 de marzo) e a compañía de danza de Fran Sieira con EntreSoños. Neste caso, a data elixida, o 24 de abril, é a véspera da celebración do Día Internacional da Danza.

Ames pertence á rede de teatros na categoría B, na que poden participar municipios de entre 12.001 e 40.000 habitantes. O concello achega dous espazos adaptados para as representacións, que suman 360 butacas.

Natividade González destacou na presentación a aposta do Concello polas artes escénicas. «Así o demostran os datos, xa que máis de 2.500 persoas pasaron por estes pequenos auditorios durante o ano pasado para ver diferentes espectáculos», sinalou a concelleira.