Fran Cañotas, presentador: «Miña nai sempre se implicou moito nos temas de reciclaxe»

La Voz

ARZÚA

.

Confesa que non sempre e fácil fuxir do plástico

19 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En febreiro pechou a edición de Come a comarca «cun sabor moi doce» e coa casualidade de que «gañaron os meus veciños de Melide. Normalmente hai rivalidade cos de Arzúa, pero eu acabei encantado», resume o presentador Fran Cañotas.

-Como convidado do programa Ecovoz queremos saber como te comportas nisto da reciclaxe.

-Supoño que en moitas cousas son incongruente, pero intento facelo o mellor posible. Na miña casa, desde que empezaron as campañas de concienciación máis fortes, miña nai sempre se implicou moito no tema da reciclaxe e é algo que nos transmitiu a meu irmán e a min. De feito, el é moi chapuzas na casa e está todo o tempo indo e vindo do punto limpo. Debe ser socio número un.

-Pola túa idade, xa es da xeración que medrou con esas campañas. Como che influíu?

-Eu creo que moito porque xa o vivín no propio colexio tamén. Cando es novo pensas que o mellor das charlas é que perdes clase, pero ao final, a base de insistencia, vas medrando e non che queda máis narices que concienciarte.

-E co plástico?

-Eu estou intentando apartalo, pero realmente é difícil porque absolutamente todo vén con plástico. É algo no que hai que avanzar moito. O máis sinxelo é ir ao mercado coa túa bolsa de tea.