Celébrase este xoves, coa intervención dos empresarios Javier Cancela e Manuel Casal; o alcalde melidense, José Manuel Pérez; e o director de zona de Abanca, Miguel Ángel García
08 oct 2025 . Actualizado a las 19:41 h.O compromiso empresarial, o emprendemento e a mellora das condicións de desenvolvemento do mundo rural será o tema central de debate do coloquio que se celebrará este xoves, 9 de outubro, ás 11.30 da mañá, na sala de conferencias do Centro Cultural Multiúsos de Melide, coa participación de Javier Cancela, director xeral da empresa TMC Cancela; José Manuel Pérez, alcalde de Melide; Miguel Ángel García Rey, director de zona Ordes-Arzúa de Abanca; e Manuel Casal, CEO de la empresa melidense El Huevo de la Abuela.
Este acto, con acceso libre das persoas que desexen asistir, enmárcase no ciclo O futuro para o mundo rural: retos e oportunidades, organizado por La Voz de Galicia co patrocinio de Abanca e a colaboración do Concello de Melide, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Eduardo Pondal. O obxectivo deste ciclo é compartir ideas, dialogar e construír un futuro mellor para o medio rural de Galicia.
A primeira parte do acto consistirá nunha entrevista a Javier Cancela, responsable de TMC Cancela, empresa de maquinaria agrícola e forestal con corenta anos de traxectoria innovadora, que no seu centro de operacións en Tordoia, na comarca de Ordes, produce máis de dúas mil máquinas ao ano e ten presenza, a través da exportación e a súa crecente internacionalización, en máis de cincuenta países. A segunda parte do acto consistirá nun coloquio no que intervirán o alcalde de Melide, José Manuel Pérez, e o director de zona Ordes-Arzúa de Abanca, Miguel Ángel García, así como Manuel Casal, o director executivo de El Huevo de la Abuela, empresa familiar melidense punteira na produción de ovos campeiros, con tres décadas de experiencia e caracterizada pola innovación tecnolóxica e o uso de enerxía renovable para ofrecer un produto saudable, natural, fresco e de alto valor alimenticio. El Huevo de la Abuela, promotora da Feira do Ovo Campeiro de Melide, fixo historia o ano pasado elaborando a tortilla máis grande do mundo e, hai un mes, o ovo frito tamén récord mundial, feito con seiscentas unidades.