A entrega do premio de poesía Ardeiro abrirá o programa de Nadal de Negreira

E. F. NEGREIRA / LA VOZ

NEGREIRA

CEDIDA

O certame conta cunha participación de 25 obras

12 dic 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

No décimo cabodano do pasamento do poeta barcalés Xosé M. López Ardeiro, o sexto certame de poesía que leva seu nome conta cunha participación de 25 obras, algunhas das cales chegaron a Negreira de lugares tan dispares como Madrid, Almería, Badaxoz ou Málaga. Esta é a primeira edición que inclúe premios en metálico, con 700 euros para a obra gañadora e 300 para o texto clasificado en segundo lugar.

Con estes premios, o Concello de Negreira, organizador do certame, buscaba fortalecer o interese pola convocatoria, xa que ata esta edición o premio á mellor obra consistía unicamente na publicación do poemario gañador e a entrega de douscentos exemplares ao autor por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Actos do programa de Nadal

A entrega de premios Ardeiro terá lugar o próximo venres 22 de decembro, ás sete do serán, nun acto no auditorio do Centro Sociocultural de Negreira. Ese acto contará coa actuación en directo do grupo Oîma, que está formado por Antía Ameixeiras (que toca o violín), Olalla Liñares (clarinete) e por Martiño Senande (acordeón).

Esta será unha primeiras actividades da programación de Nadal que deu a coñecer o Concello, e que arrinca este venres coa obra Palabras malditas, de Teatro do Noroeste, ás 21 horas no auditorio, seguida do Belén de cumios ou roteiro de sendeirismo, o sábado 23 dende o campo da feira.

No programa destaca o Gran festival de Nadal, este próximo domingo ás 18 horas no auditorio. Pero a principal novidade chega no eido deportivo coa primeira Carreira Popular do Turrón, de 4 quilómetros, o día 30 pola tarde.