Padrón e Rianxo renovan a súa irmandade no Martes de Pascua, ante os monumentos a Rosalía e Castelao

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

Ambos regidores escenificaron una alianza para impulsar el patrimonio cultural de dos territorios hermanados

24 abr 2017 . Actualizado a las 23:13 h.

Os pobos de Padrón e Rianxo volveron a encontrarse un Martes de Pascua máis, representados polas súas respectivas corporacións municipais. A de Padrón foi recibir á de Rianxo no Paseo do Espolón, onde os alcaldes das dúas vilas realizaron unha ofrenda floral ante a estatua de Rosalía de Castro, mentres soaba o himno galego interpretado pola Banda de Música Municipal de Padrón.

Do Espolón, as corporacións foron ao Xardín Botánico para depositar unha coroa de loureiro ante o busto de Castelao, tamén co himno galego de fondo. Xa no Concello, o primeiro en intervir foi o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, quen agradeceu o recibimento dado por Padrón.

O rexedor felicitou ao Concello pola tarefa de divulgación que está a facer da figura de Rosalía de Castro, de modo que en Rianxo «estamos moi atentos, non para copiar, senón para inspirarnos para» homenaxear a outros escritores vinculados a vila, segundo dixo Adolfo Muíños.

Este incidiu, ao igual que fixo máis tarde o rexedor padronés, en que Rianxo e Padrón son «vilas irmás», unidas por Rosalía e Castelao, polo acto de irmandade do Martes de Pascua e do martes da Guadalupe e tamén polos veciños dun concello e doutro que gozan das festas en Padrón e en Rianxo.

O alcalde padronés, Antonio Fernández, pechou o acto no Concello asegurando que Rianxo ten na capital do Sar «a súa casa». Engadiu que o Día de Rianxo é o «broche da Pascua, antes de encarar a Pascuilla», e lembrou o que vindeiro domingo se cumpren 60 anos da inauguración da estatua de Rosalía de Castro no Paseo do Espolón.

Antonio Fernández tamén lle propuxo a Adolfo Muíños retomar as actividades en torno ao pemento de Herbón e a xouba. O rexedor padronés aproveitou para darlle as grazas a aqueles que puxeron en marcha a irmandade de Padrón e Rianxo, de modo que lle pediu ao seu homólogo que esta continúe.

Tamén falou dos vencellos entre as dúas vilas, dende os literarios aos gastronómicos e lembrou que o peixe de Rianxo abastece a despensa de Padrón. O acto institucional rematou no balcón do Concello, coas dúas corporacións escoitando a música das bandas municipais.