Un colexio de Padrón creará o Bosque de Rosalía con máis de 300 carballos

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

O proxecto didáctico xurdiu a raíz dos lumes deste outono para concienciar aos alumnos sobre o valor da natureza

08 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A diferenza do que aconteceu no ano 2006, os incendios forestais non afectaron este ano a Padrón, pero a destrución dos lumes do mes de outubro, que incluso causaron a morte de catro persoas, está moi presente entre o alumnado do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Rosalía de Castro do concello padronés.

O está porque dende o centro idearon un proxecto dirixido a «concienciar aos nenos sobre a importancia das árbores e do monte» e, polo tanto, do medio ambiente, tal e como explica o director do colexio, Octavio Sánchez. Ese proxecto deu onte un paso importante coa plantación das landras en envases de cartón, para a súa xerminación e posterior plantación no monte, xa sexa ao lado do colexio ou nun terreo ardido. Sexa onde sexa, será bautizado co fermoso nome de Bosque de Rosalía.

Todo o centro participa no proxecto, dende os 305 alumnos aos 28 profesores e o persoal non docente. Os nenos teñen clara a idea: «Aprender a apreciar a natureza», dixo onte unha das alumnas. «É que as árbores son importantes», engadiu unha compañeira.

O proxecto arrancou semanas atrás coa recollida das landras no monte Santiaguiño de Padrón. Os alumnos levaron algunhas da casa, co que xuntaron centos delas. Tras encher con terra os envases de cartón, cada alumno, profesor e persoal non docente plantou unha landra para ter o día de mañá a súa propia árbore no Bosque de Rosalía.

Para a plantación, o centro seguiu as recomendacións dun biólogo, para tratar de garantir que a semente xermine sen problemas.

«O ideal é que nazan todas para que todos teñamos unha árbore» para plantar, explicou o director do colexio. Por agora, o centro non sabe onde plantará as árbores, se en terreos da comunidade de montes de Extramundi, núcleo no que se sitúa o colexio e coa que tería que falar ou en terreos ardidos, quizais a opción máis idónea para que os nenos comproben o devastador impacto dos lumes e, coa plantación, o brote de vida nova.

De ser en terreos ardidos, os máis próximos estarían no concello de Catoira, que se viu afectado polos lumes deste outono. «Decidirémolo cando saibamos cantas árbores temos para plantar», contou o director do colexio que, ao igual que os nenos, non pode agochar a alegría que lle produce este proxecto didáctico.