A Fundación Rosalía chama a festexar a data do 24 de febreiro

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PADRÓN

cedida

Anima a preparar o Caldo de Gloria e a tocar a alborada global

18 feb 2019 . Actualizado a las 13:01 h.

A Fundación Rosalía de Castro presentou esta mañá o programa de actividades co que conmemora o 24 de febreiro, día do nacemento da escritora. E faino chamando ao participación en dous eventos principais: por un lado, a alborada global, que conta coa colaboración da Asociación de Gaiteiros Galegos e, por outro, co Caldo de Gloria, iniciativa que xa se estendeu a numerosos colexios, restaurantes e aos concellos de Padrón, Santiago de Compostela, Ames, Brión, Rois, Teo, Rianxo, A Guarda, Celanova, Arzúa e Ponteceso

Esta mañá, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, animou a todo o mundo a participar en ámbalas dúas iniciativas, a saudar pola mañá cunha alborada o nacemento da escritora e a facelo con alegría. Tamén animou a cociñar o Caldo de Gloria, no ámbito público pero tamén no privado das casas e lembrou que este se fai a partir dun poema, Miña casiña, meu lar, no que a autora relata "a épica invisible doméstica dunha muller que é capaz de facer un caldo dos pobres pero tamén de ser feliz". "Queremos que en lugares públicos, coma os comedores escolares ou os locais de hostalería, ou tamén no ambiente familiar e íntimo, Galicia se lembre de Rosalía a través da nosa gastronomía popular e das leccións que nos dá a protagonista do poema: como sobrevivir e mesmo ser feliz a pesar das penurias e das adversidades", dixo Anxo Angueira. 

Nesta ocasión será a escritora Ledicia Costas a encargada de preparar o domingo ese caldo na lareira da Casa-Museo de A Matanza, en Padrón. A autora tamén estivo no acto desta mañá e declarouse "emocionada" por pensar nela para facer o caldo. Falou de que a gastronomía está moi presente nas súas obras, en homenaxe as nais e avoas que "nos alegran o estómago e, sobre todo, o corazón", dixo, ao tempo que avanzou que a súa receta do caldo será a clásica pero con algún elemento "innovador" que fale da súa infancia e vida en Vigo.

Ademais de Caldo de Gloria tamén haberá bolos do pote, feitos pola Asociación de Mulleres de Mazaricos

Ao acto tamén asistiron os representantes da Asociación de Gaiteiros Galegos Oli Xiráldez e Gustavo Couto, que interpretaron un anaco da alborada de Rosalía, unha peza musical escrita pola propia poeta. Estos chamaron tamén a participación nesa alborada global do 24 de febreiro e non son por parte dos gaiteiros, senón dos músicos en xeral. 

Ademais destes dous actos centrais, toda a semana haberá citas e actividades arredor do día de Rosalía. Entre eles destaca a plantación dun Carballo de Guernika na horta da Casa de A Matanza. Será o xoves e contará coa presenza da presidenta das Juntas Generales de Bizkaia, Ana Otadui. O venres será a II Gala Rosaliana, organizada polo Concello de Padrón.