O día de Rosalía será o 23 de febreiro

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, nunha imaxe de arquivo
Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, nunha imaxe de arquivo merce ares

A decisión do cambio da efeméride foi «unitaria e colectiva» en base á documentación descuberta pola investigadora Sagrario Abelleira

18 ene 2022 . Actualizado a las 15:58 h.

O 23 de febreiro pasa a ser o Día de Rosalía, conforme ao día do nacemento da escritora acreditado polo traballo da investigadora Sagrario Abelleira, que acreditou con documentación que esa foi a data na que naceu a autora. O cambio da efeméride foi anunciado polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, despois da reunión mantida hoxe na Casa-Museo de A Matanza, en Padrón, e na que participaron as institucións e entidades implicadas na celebración do Día de Rosalía, que ata agora era o 24 de febreiro, data do bautizo da escritora.

A decisión de cambiar o día de celebración do Día de Rosalía do 24 ao 23 de febreiro foi «unitaria e colectiva», dixo Anxo Angueira. «Todo o mundo manifestou a súa aceptación», engadiu o presidente da fundación rosaliana, quen asegurou que a entidade celebra a decisión, pero tamén a idea de facer a celebración de forma conxunta, con fórmulas de colaboración e coordinación entre todos. Anxo Angueira confirmou que están traballando no programa do 23 de febreiro, para conmemorar o Día de Rosalía «con alegría e esperanza para Galicia», afirmou, empezando coa alborada, que hoxe mesmo soou tamén na casa museo de A Matanza. Tamén se mantén o caldo de gloria, unha receita popularizada en base a un poema rosaliano. 

A reunión de hoxe serviu como «sinal de saída» para a celebración do  Día de Rosalía, dixo Anxo Angueira.

Pola súa banda, a investigadora Sagrario Abelleira lembrou que o cambio da efeméride vén motivado pola achádego dunha documentación que cualificou de «irrefutable» porque, dixo, é unha declaración en primeira persoa da nai de Rosalía ante notario, o que fai que a contundencia da información «sexa moita», afirmou. «A unidade que se demostrou hoxe é bonita», engadiu a investigadora, que sinalou que «coincidimos todos en que a documentación é relevante e irrefutable» e de aí o cambio de efeméride. 

Á reunión asistiron tamén Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago (de forma virtual); Lorena Couso, concelleira de Cultura de Padrón; Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega; Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega e Olimpio Xiráldez, representante da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s.