O ano no que empezou o turismo

Quique Alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

En 1885 publicáronse as primeiras grandes guías da cidade de Santiago

01 feb 2017 . Actualizado a las 19:04 h.

Teño diante de min dúas publicacións sobre as que vou escribir estas liñas. Representan, dalgún xeito, o inicio do turismo en Santiago de Compostela. As dúas, editadas case que ao mesmo tempo: hai máis de 130 anos. Entre 1884 e 1885. Esta é pois tamén unha data fundacional para a cidade.

Por unha banda, teño o libro de fotografías Compostela monumental, publicado por Manuel Chicharro en 1884. É a primeira publicación deste tipo que se facía en Galicia, é dicir: contaba a historia dunha cidade a través das imaxes, neste caso un total de 24 fotografías, comentadas polo historiador Bernando Barreiro. A que pecha esta fermosa e singular obra (teño ao meu carón un exemplar orixinal propiedade do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e tamén unha edición facsimilar que Edicións do Cerne sacou do prelo en 2011), a que pecha, dicimos, é esta onírica estampa da Alameda que ilustra a nosa fotohistoria. No texto que a acompaña descríbea así: «La famosa colina que se levanta delante de las murallas de la ciudad frente a su puerta Faxeiras en la que habitaba el verdugo». Así contada, parece que esteamos diante dunha suxestiva historia que pide coñecer máis... Outro día falaremos, pois, dese verdugo.

A segunda das publicacións é una excelente guía turística. Todo un clásico para os amantes do xénero. A primeira gran guía (turística e xacobea) da cidade: Guía de Santiago y sus alrededores. Esta xoia (da que teño a sorte de posuír un exemplar da edición príncipe) foi publicada un ano despois da de Chicharro, en 1885. Os seus autores son o avogado, historiador e escritor José María Fernández Sánchez e o médico e escritor Francisco Barreiro Freire. Este fora, xunto con Timoteo Sánchez Freire, un dos dous catedráticos de medicina que certificaran, seis anos antes, o achádego dos restos do Apóstolo, unha noticia que suporía, como escriben nesta guía: «El renacimiento consolador de las antiguas peregrinaciones». De feito, neste ano 1885 celebraríase un Xubileo Extraordinario polo impacto que supuxera a descuberta dos ósos.

Trátase dun volume de case 600 páxinas (con ilustracións e planos despregables) onde un atopa a descrición polo miúdo da Compostela (e a súa contorna) de finais do XIX. Unha cidade que empezaba a se sentir atractiva para peregrinos e tamén para turistas, se é que podemos falar de turistas en datas tan temperás. Novos viaxeiros, en calquera caso, seducidos pola pedra, a lenda e a historia de Santiago.

Hoxe, en pleno debate sobre como facer sostible o turismo, amable para os lugares receptores, está ben coñecer o punto cero do fenómeno na nosa capital de Galicia.

Aqueles días de 1885 tiveron tamén a súa cara máis triste: pouco antes do Apóstolo, un 15 de xullo, falecía na súa casa de Padrón, con só 48 anos, a poeta Rosalía de Castro.

editor@alvarellos.info