Castromil: a derruba da vergonza

quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

Arquivo do IEGPS

O edificio da «proporción áurea», en 1926

05 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Todas ou case todas as cidades temos a nosa cara oculta, ese feito que, cada vez que se cita, avermella o rostro, e marca en nós, primeiro, un aceno de incredulidade e logo... mesmo vergonza colectiva. Como foi posible? Como puido suceder algo así? Preguntan os visitantes -preguntámonos nós- cando vemos imaxes coma esta.

O edificio perdido. O edificio máis chorado de Compostela quizais dos últimos cen anos. O chamado Café Quiqui Bar primeiro, logo coñecido como O Castromil. Aquí traemos unha imaxe singular. Porque o seu autor, o fotógrafo Luis Chicharro (fillo de Manuel Chicharro Bissi), a obtivo co edificio aínda sen inaugurar, acabado de construír, en 1926, cos obreiros poñendo as beirarrúas na que hoxe chamamos Praza de Galicia.

É tan grande o baleiro que na actualidade alí hai, con ese aparcamento subterráneo metáfora cruel da desfeita, que semella ter sido a vinganza dun diaño proído pola grandiosidade monumental da cidade: aquí, evidentemente, gañou el, o diaño.

Pero non é Santiago un caso illado, como diciamos. Lugo, por exemplo, tivo o seu «Castromil»: o edificio da Eléctrica Lucense derrubado nos anos sesenta. E A Coruña: o Atlantic Hotel. E Ourense: o Hotel Roma... E así poderiamos seguir: o edificio Rubira de Vigo, o Gran Hotel da Toxa, os hoteis Palace ou Engracia en Pontevedra... Pero mellor parar.

A proporción áurea

O arquitecto que ideou esta marabilla modernista da Compostela perdida foi o coruñés Rafael González Villar. (É tamén o autor do fermoso Kiosco Alfonso da Coruña, felizmente en pé). Hoxe, en Compostela, hai un arquitecto que ten na cabeza cada metro cadrado daquela xoia, do exterior e do interior. Chámase Julián Morenas Aydillo. «Uno de los aspectos que más me impresiona del edificio -comenta- es la sección áurea».

Disto saben ben os arquitectos: trátase dunha proporción entre medidas que González Villar empregou na fachada do Castromil e que fascina a Morenas. A tamén chamada «proporción áurea» transcende a xeometría e busca a harmonía na natureza. A teoría remóntase á antigüidade, ao arquitecto romano Vitruvio, mesmo chega a falar dela Platón.

E aínda hai máis: os «templetes» do Castromil (os seus remates superiores) entroncan cos propios «templetes» da catedral e están en diálogo coa Berenguela.

O edificio ideárase pois con toda esta visión en conxunto da cidade e da historia. E mostra un aire tan esvelto e lanzal porque tivo que ser reducido, estreitado, a última hora, ata en sete metros de ancho, para deixar oco suficiente ao redor. Algo que mesmo o beneficiou, polo menos esteticamente.

Todo isto é o que sucumbiu en 1975 cando a corporación municipal daquela (contra a opinión do Colexio de Arquitectos e boa parte da cidadanía) decidiu inexplicablemente derrubar o edificio. Hai moitas imaxes daqueles fatídicos días de setembro e outubro, e da xente ollando perplexa o que, en nome da modernidade, se estaba a cometer. Pero hoxe quixemos traer a foto do edificio de estrea. Coa súa «proporción áurea». Cada un de nós, pechando os ollos diante do café El Muelle, aínda pode facer un exercicio coa mente: trazar aquelas formas únicas; volver erguer aquel soño.

editor@alvarellos.info