«Estase recuperando o sentimento de orgullo e prestixio pola Universidade»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

XOAN A. SOLER

Colleu a xestión da USC case en creba económica, pero pensa que en dous anos as contas estarán saneadas, e a crise, superada

30 jul 2017 . Actualizado a las 23:49 h.

Resulta difícil entender a historia recente de Santiago sen a súa figura, porque Xosé Manuel Villanueva Prieto (Lugo, 1959) foi tres veces xerente da Universidade -entre os anos 1988 e 1990 con Carlos Pajares, de 2003 a 2005 en funcións con Senén Barro e desde 2014 con Juan Viaño-, concelleiro de Economía e Facenda con Xerardo Estévez e xerente do Consorcio de Santiago. Nesta nova etapa na USC tocoulle pelexar cos anos máis difíciles na andaina da centenaria institución, que o equipo de Viaño herdou case en creba.

-Vostede, que xestionou a USC nos anos de vacas gordas, por que aceptou o cargo sabendo que viñan os de vacas fracas?

-É certo que está sendo moi complicado porque asumín a xerencia e a vicerreitoría de Asuntos Económicos. Está sendo un traballo moi intenso nun período moi esixente, pero non me arrepinto porque teño un sentimento de responsabilidade que asumo con gusto, era necesario arrimar o ombro.

-Como se chegou a esa situación?

-Pasaron dúas cousas; ata o 2010 a USC lanzouse a ese salto tecnolóxico que semellaba definitivo e empeñouse dunha maneira moi importante porque se confiaba nun retorno aos anos seguintes, pero chegaron os recortes e unha total falta de sincronía porque eses ingresos colapsáronse. Por outra parte, o plan de financiamento anterior tiña unha estrutura de indicadores que non era realista, e logo xogou un terceiro factor, que non se asumira o feito de que cambiara o ciclo económico e os orzamentos estiveron catro anos sen aprobar. Unha maneira fácil de non comprometerse co que está a pasar é, precisamente, non aprobar os orzamentos.

-Por fin, a situación está a mellorar...

-Estabamos nunha situación financeira límite que esixía moito rigor e responsabilidade. Nese sentido estou contento, porque a xente entendeuno razoablemente ben e está mantendo unha actitude responsable. Eu confío que en dous anos quedará superada. Está por un lado a débeda e por outro o déficit. O problema é o segundo, porque a débeda está condicionada polos ingresos e por sorte acadáronse importantes recursos de investigación que están a dar resultados. E o déficit, afortunadamente, pasou de 16 millóns no 2014 a 9 millóns agora. Se seguimos así, a situación estabilizarase en dous anos.

-O que permitirá seguir repoñendo a taxa de profesores.

-Cando empezamos co plan financeiro non podíamos repoñer máis que o 10 %; logo, co preito que lle gañamos a Facenda comezou a aumentar a reposición, que no 2016 foi do 60 % e o ano que ven probablemente chegará ao 75 %. A partir de aí haberá que pensar nunha taxa superior ao 100 %, porque foron moitas as prazas que se perderon, pero iso será probablemente dentro de dous anos.

-Aínda así non todos están contentos, como pasa cos acreditados a cátedra.

-É lóxico que teñan unha expectativa de mellora profesional e que o fagan saber, pero a prudencia financeira nos leva a facer o que estamos facendo. Cada praza de catedrático supón facer unha reserva da totalidade do seu custe, porque pode gañala calquera acreditado do Estado ou do CSIC; se fose por promoción interna, bastaría co diferencial. Iso non permite sacar máis a concurso. Hai unhas prioridades, e repoñer o profesorado é agora o máis importante.

«No Consorcio perdeu pulo a rehabilitación privada e iso hai que recuperalo»

Era concelleiro cando se estaba a xestar o Consorcio de Santiago, do que logo foi xerente, entre os anos 2005 e 2011. Outra iniciativa da que non é posible deslear a este licenciado en Filoloxía Hispánica que, sen embargo, dedicou a súa carreira profesional á xestión na cidade, de aí que se sinta, sen dúbida algunha, picheleiro. «Vivín un momento moi intenso da miña vida profesional o polo tanto tamén da sentimental; son claramente compostelán».

-O Consorcio de Santiago adoece tamén desa parálise que se arrastra desde a crise económica e que se agudiza polo feito de non haber un Xacobeo próximo?

-Para preparar o do 21 hai que comezar no 18, así que eu agardo que se abra un novo ciclo e que a actual xerente, que é unha persoa moi comprometida, saiba darlle un novo pulo, porque está á volta da esquina e xa non queda nada. O Consorcio é unha ferramenta moi orixinal e eficiente para políticas de coordinación e eu penso que foi un gran invento e debe seguir sendo unha panca, aínda que perdeu pulo no campo da rehabilitación privada e iso é un traballo que queda por facer, porque o núcleo básico estaba na rehabilitación de vivenda, a da parte monumental é moi importante pero coidar ao residente é un obxectivo que non se pode esquecer.

-Pensa que non hai suficiente colaboración institucional entre as partes involucradas?

-A tensión política inflúe, iso non se pode negar, pero tomouse unha decisión intelixente que é a de que nos órganos de dirección estean representadas todas as forzas políticas municipais. Eu penso que hai vontade de darlle presenza a esta ferramenta de cooperación, sobre todo tendo en conta que sobre a inercia política de enfrontar por vez de construír, a cidade de Santiago invita sempre a un clima construtivo e cooperador.

«Boto en falla un proxecto de cidade, móvense en xeneralidades que logo non se materializan»

Recoñécese coprotagonista do que é hoxe Santiago, porque compartiu con Xerado Estévez os anos de modernización da cidade. De aí o valor da súa visión dos novos tempos.

-Cre que agora o ritmo da cidade vai lento?

-Cando eu cheguei ao concello, no ano 1991, xa había un traballo enorme feito e tocoume un período moi bo grazas ao Xacobeo do 93 e teño un recordo moi exitoso daquela época. Non só a planificación, senón tamén a execución do plan urbanístico foi espectacular, chega con rastrealo nun mapa. E fíxose con rigor. Neste momento hai dificultades maiores para financiar actividades pero eu penso que falta tamén un proxecto de cidade, móvense en xeneralidades que poden ter valor pero que logo non se materializan. E non é tanto un problema do goberno actual, é unha tendencia. Pode que sexa nostalxia de vello, pero había unha planificación e unha execución e agora hai un retraso moi grande nesa execución. Un chega, ponse a pensar no que quere facer e cando empeza, xa é tarde. Hai moitas cousas que se están a artellar pero que non están coordinadas; está o da estación de tren, o proxecto de Medicina, a cidade administrativa... Pero teño a sensación de que son pezas illadas e falta o fío condutor que lle dea forma.

-Cre que o turismo masivo está a poñer en perigo o casco histórico?

-Eu comparto esa preocupación que ten o goberno local, pero é moi difícil facer cando hai unha presión tan grande do mercado turístico. Con todo, hai accións que se poden desenvolver, servizos urbanísticos dos que hai que dotalo xa; refírome ao acceso dixital, o abastecemento de auga e o enerxético ou a recollida de lixo, que son cousas importantes. E penso tamén que habería que repensar o uso interno que se fai da cidade histórica como contedor de actividades, porque está sobresaturada, cando hai outros moitos contedores.

-Perdeuse presenza nos grandes eventos culturais?

-A presenza exterior e o empaque diminuíu, aínda que penso que o dinamismo interno da cidade mantense. Son dos que pensan que a acción cultural non consiste só nos grandes eventos, pero tamén é certo que hai iniciativas que perderon pulo, como pasou co CGAC ou coa Real Filharmonía. O que falta é unha visión cooperativa dos axentes culturais para tirar todos do mesmo lado, e tamén unha falta de idea para desestacionalizar a tempada cultural, sobre todo tendo en conta que as condicións son óptimas e inigualables, co Museo das Peregrinacións, a Cidade da Cultura e todo o que ten Santiago.