«O comedor escolar debe alimentar ben, e tamén educar e formar»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

XOAN A. SOLER

A profesora da USC e dirixente da Federación de Asociacións de Nais e Pais de Santiago defende que se elabore «un proxecto educativo serio e planificado» para o servizo

06 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«O comedor escolar ten que ser máis que un servizo para alimentar a escolares, debe contar cun proxecto educativo serio e planificado para atender o desenvolvemento persoal e social das nenas e os nenos que o usan, que no tempo de comer aprenden e se forman», afirma Esther Martínez, dirixente da Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa) de Compostela e profesora da área de Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación da USC. Foi tamén quen coordinou o estudo realizado o curso pasado sobre os comedores escolares nos colexios públicos onde están xestionados polo Concello.

«As respostas a ese estudo evidencian que maioritariamente as familias prefiren que a comida se elabore nunha cociña no propio colexio, ou próxima como acontece en Ames; e que haxa unha alimentación variada, equilibrada e con produtos frescos. Moitas familias responderon que mesmo pagarían máis por iso, unha media de 5,67 euros, que non é moito máis que o prezo do último curso. Había oscilacións, pois un 13 % das respostas indicaban que poderían pagar como máximo 4 euros e un 9 % chegarían a 8 euros, con diferenzas no prezo medio de até 80 céntimos entre os colexios», indica.

Para entender esas diferenzas hai que ter en conta que tamén se preguntaba polo modo de pago: «Agora todas as familias pagan o mesmo, só algunhas optan a axudas por teren menos recursos; e a maioría das nais e pais destes colexios de Santiago prefiren que non haxa un mesmo prezo, como acontece xa noutros lugares, se non que se paguen cantidades diferentes, en función da renda», esclarece.

Ese estudo evidencia tamén que «hai descontento co modelo actual que xestiona o Concello de Santiago. O comedor que queren as familias, segundo este estudo, está lonxe de ser realidade. Un modelo diferente, como o que evidencian as respostas, non se implanta dun ano para outro; porén, si que se podían dar avances, e iso non acontece no modelo que se está a licitar este verán para o próximo curso».

Aínda que falta por ver como se resolverá finalmente o concurso público convocado polo Concello (mañá xa se espera coñecer cantas empresas se presentan) Esther entende que «establece unha distancia máxima das cociñas de 130 quilómetros, o que significa que a comida se vai facer moitas horas antes e non se aposta por eses produtos frescos que indica o estudo da Fanpa. E a puntuación que se lle dá no prego de condicións ao proxecto educativo é moi pouca; iso é algo que, como pedagoga, penso que está pouco valorado, que prima moito máis o aspecto económico. A Fanpa propuxo que houbese convocatorias diferentes: unha centrada na alimentación e outra para o servizo educativo que prestan monitores, sería importante separar os dous aspectos, e que o persoal que atende o servizo non se supedite á empresa de alimentación. Tamén se propuxo instalar unha cociña nalgún dos colexios con menos comensais, facer unha experiencia para valorar o resultado, e tampouco se aceptou. Iso non suporía municipalizar o servizo, pois o Concello podería seleccionar unha empresa que cociñase».

Para Esther, «o comedor escolar debe favorecer a conciliación das familias, alimentar ben, e tamén educar e formar. Por iso precisa un proxecto educativo serio, que promova a aprendizaxe de bos hábitos alimenticios e de saúde, o coñecemento da nosa e doutras culturas a través da comida; que comer sexa un acto social e cultural, para aprender a autonomía, a responsabilidade, a resolver conflitos, a saber estar e a compartir; e que atenda o comedor persoal con formación pedagóxica, nun espazo bonito e con mobiliario adecuado».