Agardando por un bote no río Sar

quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

s

Unha imaxe de 1907 testemuña que o leito era navegable por Conxo

04 mar 2018 . Actualizado a las 23:10 h.

Custa moito imaxinar un río Sar navegable por Santiago. Pero esta fotografía dá testemuño de que, hai un século, si era posible. A imaxe chegou ás miñas mans hai unha semana, grazas ao bibliófilo Julio Estrada Nérida, quen posúe un dos rarísimos exemplares do álbum de fotografías do Manicomio de Conjo elaborado polos irmáns Laporta en 1907: 22 imaxes e 2 planos de promoción deste centro sanitario e da finca que o rodea. Unha desas fotos, a penúltima da serie, é precisamente a que nos permitiu descubrir estes novos usos (descoñecidos para nós) dun río que hoxe, marzo de 2018, volve ser protagonista na cidade.

Precisamente antonte, venres día 2, conmemorouse o 162 aniversario do Banquete de Conxo, unha efeméride que este ano vai ser moi especial, pois nuns días abrirá oficialmente ao público o agardado Bosque do Banquete de Conxo, apertura que culminará os días 21 e 22 de abril coa primeira Festa do Banquete que está a organizar o Concello. Neste bosque literario, e libertario, do que nos temos ocupado nos últimos anos en moitas ocasións, reclamando o que agora felizmente se vai levar a bo fin -o seu acondicionamento e apertura pública-, aquí é onde se ubica esta singularísima imaxe: preto de medio cento de persoas agardan por uns botes para sucar o río...

O Bosque do Banquete de Conxo non só foi o lugar onde se celebrou en 1856 o insólito mitin cos brindes de Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Rodríguez Seoane, ou a carballeira preferida por Rosalía de Castro onde ambientou toda unha novela, a súa derradeira El primer loco (1881), agora tamén sabemos que este río, tan querido por ela, tamén era navegable ao sur da cidade. No pé desta foto figura: «Esperando para embarcar». E así describe o álbum dos fotógrafos Laporta, naquel 1907, as posibilidades deste bosque de ribeira: «Los múltiples caminos y senderos, y el río con sus hermosos botes, ofrecen extensos y agradables paseos, tanto a pie como a caballo o bien remando, según los deseos y las conveniencias».

Mágoa da imaxe dos botes con toda esta xente vogando... Esa non a temos, pero si o testemuño de que era posible. O bosque do Banquete de Conxo, ao que hai algo máis dun ano dedicamos un libro -Os últimos carballos do Banquete de Conxo-, pasou o último século esquecido de todo e de todos. Ata hoxe. A vantaxe é que estas marxes do Sar quedaron detidas no tempo, para goce de nós agora.

Non sei se poderemos navegar polo poético río neste século XXI, pero este mes de marzo si poderemos viaxar, coa mente, transitando a pé estas históricas sendas...

editor@alvarellos.info