A fonte «móbil» de mármore branco

Quique Alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

cedida

Dende os anos 70 está no Paseo das Palmeiras da Alameda

14 may 2018 . Actualizado a las 01:52 h.

É unha das fontes máis singulares e atractivas da cidade. Hoxe atopámola ao inicio do Paseo das Palmeiras, na Alameda, un tanto desleixada e esquecida, á sombra dun enorme cedro. Ten case 150 anos de vida. É a fermosa -e poética- fonte de mármore branco que, antes de chegar aquí, embeleceu outros lugares da cidade. Unha fonte «móbil», como moitas outras de Compostela. Como testemuña, a imaxe que recollemos na nosa crónica gráfica de hoxe (cedida para nós por Antonio Cancela).

A fotografía pertence, como vemos pola numeración, a unha serie de postais. O fotohistoriador Carlos Castelao, gran estudoso da deltioloxía compostelá, identifícanos a data desta serie de tarxetas: 1909; e a empresa comercializadora: La Internacional Exprés. Precisamente Carlos, xunto con Fuco Sangiao, teñen estudado amplamente esta marca de postais nun traballo aínda inédito.

Vemos que a postal pon «Praza de Abastos» porque esta foi a instalación primeira do monumento. Temos noticia da fonte en 1872, segundo relata José Antonio Tojo Ramallo no seu libro Agua y Saneamiento en Santiago de Compostela. Diez siglos de historia (Aquagest, 1998). Naqueles días edificábase a primeira praza de abastos da cidade, unha serie de pavillóns erguidos nos terreos propiedade do Conde de Altamira, moi preto da antiga muralla, á altura da Virxe da Cerca (e preto tamén da igrexa de San Fiz de Solovio). Como centro estético da praza encargouse a construción desta fonte de mármore branco que foi feita en Barcelona e trasladada a Santiago dende Vilagarcía de Arousa. Elegante, sobria, con catro medallóns na base e, en dous deles, o escudo de Galicia. Os outros dous, baleiros.

Neste lugar permanecerá ata 1932 cando, a proposta dos concelleiros Xosé Pasín e Isolino López, decidiuse o seu traslado e instalación entre o paseo da Alameda e a Ferradura.

En 1937 derrubábase o xa vello mercado e catro anos despois erguíase, no mesmo lugar, o que coñecemos hoxe. A fonte, xa na Alameda, aínda vería mover o seu corpo unha vez máis, como dixemos, ata a súa colocación actual.

É de supor que este mármore branco, branquísimo tralo mofo e a humidade de hoxe, fino e sen vetas, proceda de Carrara, en plena Toscana italiana, o mármore branco máis apreciado do mundo, no que foi esculpido o propio David de Miguel Ángel ou, moito máis preto de nós, a do sorprendente retablo do pazo de San Lourenzo...

O pasado sábado estiven preto desta fonte, e escoitei o seu silencio e tamén, quizais, unha petición: brillar coma nos vellos tempos, e que a xente, coma o home desta fotografía de 1909, quixera de novo sacarse unha foto a carón dela, e que soase a auga, coma no antigo poema medieval: fío de ouro que mana da fontana / fío de ouro que mana.

editor@alvarellos.info