«Cromática» amosa en Santiago a ilustración dende técnicas variadas

La Voz REDACCIÓN

SANTIAGO CIUDAD

A ilustración é a base e o nexo das obras de «Cromática»
A ilustración é a base e o nexo das obras de «Cromática» afundación

A mostra reúne o traballo de 19 artistas contemporáneos

23 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A ilustración pode crearse dende os tradicionais lapis e papel e mais as cores, pero tamén a partir de técnicas do máis variado: a colaxe, o videoxogo ou a cerámica. Todas elas conflúen na exposición que abriu onte na sede compostelá de Afundación, Cromática, a terceira edición desta mostra internacional de ilustración contemporánea. A mostra, que conta con Matilde Rodríguez como comisaria, reúne o traballo de 19 artistas, entre os que se contan Agathe Storlet, Coco Davez e Conrad Roset, figuras en alza no panorama internacional, xunto con galegos como David Méndez Alonso ou Abi Castillo.

Cromática ofrece unha escolma de pezas que se alicerzan na ilustración pero son elaboradas con técnicas moi diferentes. A denominador común das obras é a fragmentación aplicada ao cromatismo, atendendo aos conceptos culturais, estéticos ou emocionais que se pretenden transmitir. A cor convértese, xa que logo, nun concepto que evoca diferentes latitudes, culturas e etnias, o que permite a reflexión sobre a colectividade.

Outra das características desta terceira edición da mostra é a destacada presenza de autoras, xunto co uso de novas tecnoloxías, que se apuntaban en anos anteriores e agora son unha realidade consolidada.

Doutra banda, Cromática conta cunha aplicación móbil que xeolocaliza na sala á persoa visitante para ofrecerlle información de cada unha das pezas que ten próximas. Xunto con este dispositivo, Afundación deseñou un programa amplo de actividades didácticas que, como é tradicional, se dirixen aos escolares dos centros educativos galegos, pero que nesta ocasión, por mor da pandemia, terán que desenvolverse de xeito telemático.

A mostra conta coa colaboración do Concello de Santiago e mais da Xunta.