Pablo Ozores: «Soño con chegar a ser profesional»

Christopher RODRÍGUEZ / M. A. LA VOZ / RIBEIRA

SANTIAGO CIUDAD

SAINZA PARDAL

O mediocentro realiza a pretemporada co primeiro equipo do Compostela

08 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende Cabo de Cruz a Santiago de Compostela. De pasar as tardes no campo de fútbol de Valiño a adestrar a diario no estadio de San Lázaro. Pablo Ozores (Boiro, 2003) é un dos diamantes en bruto futbolísticos que máis está dando que falar nos últimos tempos no Barbanza e, agora, na capital galega.

Pablo deu as súas primeiras patadas a un balón con tan só catro anos e dende ese intre a súa proxección non deixou de medrar. A esa idade tan temperá iniciouse no Cabo de Cruz. Alí perfeccionou o seu fútbol durante sete anos, pasando polos benxamíns, alevíns e infantís. No ano 2016, sendo cadete, fichou pola Escola de Fútbol Municipal de Boiro, daquela recentemente fundada. Na entidade boirense disputou a División de Honor da súa categoría. Xa en idade xuvenil, o que chamou á súa porta foi o Club Deportivo Conxo, no que tamén disputou a máxima categoría. O que Ozores non esperaba para nada era que sendo tan mozo un club de fóra de Galicia quixera facerse cos seus servizos na medular.

Chegada a tempada 2020/2021, Pablo Ozores recibiu a chamada do Burgos Club de Fútbol para xogar no seu equipo sub-19. Nese intre, o boirense non o dubidou: «Era unha oportunidade única. Fíxome moitísima ilusión. Aceptei as condicións e marchei para alí». O salto na carreira do novo centrocampista estaba aí. Pero non todo foi fácil no seu paso pola cidade castelá-leonesa. O proceso de adaptación a primeira vez que un rapaz vive só adoita ser complicado e neste caso non foi diferente: «Ese ano resultoume difícil. Non era sinxelo compaxinar os estudos de segundo de bacharelato con tantas horas de adestramento. Ademais, xusto cadrou co inicio da pandemia. Foron moitas cousas e en parte por iso decidín non continuar no equipo».

Calidade

A pesares de que a súa experiencia no Burgos non foi do máis satisfactoria, a calidade de Pablo Ozores non pasou desapercibida para un dos históricos do fútbol galego e nacional, a Sociedade Deportiva Compostela. Os de Santiago ficharon ao boirense para que competira no seu equipo filial e intentase facerse un oco no combinado sénior de Segunda División RFEF: «A corto prazo, polo que loito cada día nos adestramentos é por mellorar e por tentar facerme un oco no primeiro equipo. Non é fácil, pero nada que mereza a pena o é. Con miras de futuro, soño con chegar a ser profesional. Sei da dificultade. Prefiro vivir o momento e centrarme no presente».

Como futbolista destacou dende moi novo pola súa xerarquía defensiva, a súa presenza física e un envexable desempeño no un contra un. Isto, en parte, foino gañando coa experiencia e a base de enfrontarse a persoas dunha idade superior que o esixían noutros sentidos: «Nunca fun dos máis pequenos do equipo, pero si que é certo que cando ía xogar ou adestrar cos maiores, notábase a diferenza. Xa chegada a etapa xuvenil hai xente de dous anos máis ca ti e non é doado ese fútbol. Eu teño a sorte de que me defendo ben fisicamente e igual por iso non o sufrín tanto».

Pablo Ozores ten tan só 19 anos e xa leva do deporte experiencias irrepetibles, como xogar contra o Real Madrid cando militaba no Burgos ou ter unha ampla traxectoria na División de Honor. A vindeira tempada continuará no filial do Compostela e pelexará porque o adestrador do primeiro equipo teña o seu nome en consideración á hora dos adestramentos ou convocatorias.

En Santiago, ademais de xogar, completa a súa formación en Técnico Superior en Ensinanza e Animación Sociodeportiva debido á súa paixón polo deporte. De seguro que o fútbol e a vida depáranlle moitos éxitos a un rapaz que dende o primeiro momento soubo que o deporte rei estaba feito a medida para el.

Protagonista.

Nas dúas últimas campañas, Pablo Ozores fíxose un oco entre os titulares dos seus equipos. Na 2020/2021 disputou 16 encontros co Burgos, nos que anotou un tanto antes do parón. A pasada tempada, co Compostela, xogou un total de 27 partidos na División de Honor sub-19.