O sacro

Mario Beramendi Álvarez
Mario Beramendi AO CONTADO

TEO

08 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Opasado xoves pola mañá, mentres se celebraban en toda España os actos institucionais para conmemorar os 40 anos da Constitución, o fotógrafo Xoán A. Soler captou a varios homes na carballeira de Francos, en Teo, que transportaban un porco recentemente sacrificado. Na imaxe vese a cinco homes que tiran do pesado animal. Hai algo de rito sacro na matanza, que se prolonga durante todo o mes de decembro, ata o punto de que nesa parroquia do municipio coruñés celebrouse un San Martiño o xoves 6 de decembro. Foi unha mañá na que se sacrificaron varios porcos.

Non se me ocorre mellor forma de aproveitar un festivo e honrar á Carta Magna que render tributo á especie que ocupa a cúspide do noso ordenamento rural, que non é outra que o porco. Da Constitución, a norma suprema, saen os estatutos, as leis orgánicas, os decretos lexislativos e os decretos lei. Do porco tamén se aproveita todo: o lacón, as orellas, as patas, e fanse os chourizos e todo iso que dá sentido a tantas cousas. Sen a Constitución non votariamos nin teriamos democracia, pero sen o porco non gozariamos cada inverno nin do cocido nin dos callos, o que tampouco é cousa menor. Así que nestes tempos nos que se profesa unha adhesión inquebrantable ás cousas, nos que por momentos parece imperar unha forma de pensamento de tipo relixioso, convén reivindicar todo aquilo ao que lle tributamos un amor incondicional, todo o que para nós é de carácter sacro. Os veciños de Teo deberon pensar que se a Constitución non se toca, o día da matanza tampouco. E todos tan contentos.