Tractores

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

TORDOIA

23 sep 2020 . Actualizado a las 09:11 h.

Cando paso pola beira deses inmensos tractores (ou como se chamen xa: eu son da época do que todo é e será tractor) que estes días non paran de traballar co silo, vénme á cabeza a imaxe das viñetas de Quino, o de Mafalda, nas que o rapaz vía ao lado situacións que o sobrepasaban, e para reflexalas sobre o papel o artista debuxaba eses personaxes de maneira xigante. É un recurso gráfico común e efectivo: somos fillos doutros tempos.

Xa me ten pasado, e podería pasarme cada ano, se non fose porque a esfolla vén sempre máis tarde có ensilado e non nos coincide: estar arredor da meda, co tallo e o esfollador, calculando a quen lle van caer os pés e, o peor, canto nos queda aínda por sacar de diante, e no tempo en que canto mentalmente tres cancións, na leira do lado unha desas máquinas, xunto coas que lle van sempre do ganchete, recolle e leva todo, o deixa os cotos como nun mar de desolación, dobrados, arrasados, cos cadullos cheos de rodeiras, e as pistas con tales cachos de lama e terra que poderían encher un pozo negro.

Son demasiados cambios para os da quinta dos Súper 55 (e o resto de primeiros Ebro), os Barreiros os Massey Ferguson, ou aqueles John Deere que viamos cos ollos de cobiza igual que agora os rapaces novos miran os Audis. E non, non me quedei ancorado noutros tempos, nin moito menos: será que a capacidade de asombro aumenta co tempo. Deume por pensar niso esta semana, cando pasaba ao lado dun destes jumbos do agro nunha parroquia de Tordoia, moi preto de Rus. Ao tractor só lle faltou despegar coa forza que lle meteu. Os seus novos condutores, que botarán de menos cando sexan vellos?