Voz Audiovisual busca cociñerios afeccionados para o novo concurso gastronómico da TVG

La Voz

SOCIEDAD

Javier Etxezarreta

Os cinco elixidos entre todos os candidatos formarán o equipo oficial de cociñeiros do programa «Come a comarca»

16 sep 2019 . Actualizado a las 15:34 h.

Voz Audiovisual anda á procura de amantes da cociña para o novo concurso reality gastronómico da TVG “Come a comarca”. Trátase de afeccionados, non profesionais, aos que lles apaixone poñerse detrás dos fogóns e que teñan coñecementos á hora de elaborar pratos da cociña tradicional galega. Búscanse homes e mulleres de todas as idades e lugares de Galicia que saiban cociñar, que sexan divertidos, extrovertidos, atrevidos e con gañas de pasalo ben. Os cinco elixidos entre todos os candidatos formarán o equipo oficial de cociñeiros do programa “Come a comarca”.

Todos aqueles que encaixen neste perfil teñen a oportunidade de presentarse aos castings presenciais que se realizarán ao longo desta semana por toda Galicia. Este luns, en Vigo, nas instalacións de «Kitchen in» da rúa Nicaragua número 32. O martes 17 de setembro en «Kitchen in» en Ourense en Barbantes, Estación 14 (Cenlle). O mércores 18 en «Kitchen in» en Santiago, na rúa Restollal 57. O xoves 19 en Lugo na tenda «Trabe cociñas», distribuidor de Senssia na rúa Manuel María número 2. O horario será entre as dez e media da mañá e as sete e media da tarde. O casting consistirá nunha sinxela proba de cociña onde se poidan amosar os coñecementos do candidato. Non se buscan profesionais senón xente con soltura e familiriadade á fronte dos fogóns. Quen non se poida presentar físicamente ás probas ten outra opción, enviar un vídeo de presentación do seu prato favorito elaborado por el mesmo, ao whatsapp do programa, neste número 618388087. Deste xeito calquera afeccionado galego á cociña terá a oportunindade, ben sexa en persoa ou non, de formar parte da nova aventura culinaria da TVG.

Os cinco cociñeiros seleccionados percorrerán durante os vindeiros meses de outono as comarcas máis gastronómicas de Galicia para enfrontarse a outro equipo de cociñeiros rival, neste caso formado por profesionais da zona. Será unha competición festeira gastronómica, a modo de verbena popular, nun lugar emblemático dun concello da comarca. Alí competirá un equipo contra o outro cociñando os pratos máis típicos da zona e cos veciños como público. Para iso o conxunto de cociñeiros do programa terá unhas xornadas previas de aprendizaxe que lle axudarán a coñecer os sabores e produtos da comarca, o xeito de tratalos e os trucos de cociña que fan que ese prato sexa especial dese lugar en concreto. Outra das particularidades do concurso é que o xurado será popular. Xente da propia zona, co paladar máis que acostumado aos sabores tradicionais e que deberá decidir se o equipo do programa é quen de bater aos cociñeiros especialistas da zona. Se che gusta a cociña a ti ou a alguén do teu entorno, non deixes pasar estar oportunidade. Acode ao casting ou manda o teu vídeo.