Roberto García: «Un gandeiro galego non pode cobrar 5 céntimos menos ca un asturiano»

O sector lácteo está pendente do inicio das negociacións con Lactalis para fixar os prezos da próxima campaña. Cóntao Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias

T. L.
Carballo / La Voz

O xigante da industria láctea en España, Lactalis (de capital francés), inicia estes días a súa ofensiva para o establecemento dos prezos do leite para a vindeira campaña. Moitos gandeiros da Costa da Morte e do Barbanza están pendentes dos resultados das conversas, que terán que estar finiquitadas antes do vindeiro 29 de febreiro. Roberto García González, secretario xeral de Unións Agrarias analizou onte en Radio Voz Bergantiños como se prevén estas negociacións, das que depende o futuro económico e financeiro de máis de sete mil explotacións de toda Galicia.

-Queda xa pouco para a entrada en vigor dos novos contratos entre a industria e os produtores.

-O primeiro de todo é que ten que haber un contrato por escrito, cunha duración mínima dun ano, salvo que o gandeiro, de forma expresa, renuncie a esta duración. Polo tanto, como contrato deberá ter unha filosofía básica que non é outra que sexa a resultante dunha negociación entre industria e gandeiros. A historia nos últimos cincuenta anos di que a negociación nunca existiu e que o gandeiro só tivo como única opción a de asinar un contrato que lle foi presentado dende a industria. Coa figura das novas organizacións de produtores a Unión Europea vén de implantar a negociación colectiva e, por primeira vez, o contrato resultante nesta campaña terá que ser produto dunha negociación entre ambas as dúas partes.

-O primeiro de marzo terán que estar listos os contratos?

-A lexislación é clara ao respecto: o 1 de marzo teñen que estar listos os novos contratos para que así a industria, neste caso Lactalis, poida recoller o leite aos gandeiros. O problema será, por tanto, como cheguemos a esa dinámica negociadora entre produtores e industria. En Francia é moi habitual que os gandeiros negocien de forma permanente coas industrias. Pero aquí, por desgraza, segue a ser unha novidade, porque máis aló de pequenos grupos de cooperativas a opción de negociar prezos foi, ata o de agora, unha especie de rara avis.

-Todo apunta a que Lactalis fixará un prezo máximo por litro de 29,5 céntimos, máis primas. Que lles parece, en principio, a proposta publicada xa nalgúns medios de comunicación?

-Non se trata de querer ou non querer, senón de adaptarse ao que é a evolución do mercados nos últimos anos. O que non pode ser, e non se entende, é que en anos malos Galicia sufrira unhas das caídas máis importantes do prezo do leite e que nos dos últimos dous anos, que houbo unha recuperación no mercado, se paguen entre 35 e 36 céntimos en países excedentarios e Galicia, que é deficitaria, continúe á cola en prezo abonado en orixe aos gandeiros.

-Cales son entón as claves das negociacións que están a punto de comezar?

-Primeiro hai que falar de cambios de dinámica e de mercado. Unha empresa non pode fixar o prezo. O que si pode, e debe facer unha empresa, é unha proposta, en base a criterios de mercado e se estableza un prezo final que cubra os custes de produción dos gandeiros, que, de forma paralela, deberán obter unha remuneración polo traballo desenvolvido. Porque é evidente que se a industria paga o leite por debaixo dos custes de produción, moitos gandeiros sairán do mercado e no haberá relevo xeracional. E se non hai gandeiros e non hai materia prima a industria deixa de ter a razón de ser. Non pode ser que un gandeiro de fóra cobre 35 céntimos por litro e que un de aquí cobre un 25?% menos, porque non hai razón algunha baixo os criterios de mercado que o xustifique. E unha negociación deste calibre non só se trata de falar de prezos en orixe, senón tamén doutras cuestións que afectan de forma directa aos produtores como son as arbitraxes voluntarias e a fixación duns indicadores de prezos básicos e fixar así un prezo mínimo na vindeira campaña que sexa independente da flutuación do mercado.

-É tan discriminatoria a política de prezos en función das organizacións de produtores, comarcas, concellos ou provincias?

-Hai moitas desigualdades porque non hai un designio bíblico que diga que, por exemplo, un gandeiro galego teña que cobrar cinco céntimos menos que un asturiano polo leite que produce. E moito menos que se argumente que Galicia está máis lonxe dos centros principais de consumo, porque está claro que Oviedo e Madrid están practicamente á mesma distancia que Santiago de Madrid.

-As primeiras conversas comezarán este xoves, día 16.

-Si, será cos produtores de Unega.

-Que expectativas teñen desde as centrais sindicais.

-Os obxectivos básicos son levar a cabo unhas conversas fluídas entre a industria e os produtores e acadar un bo acordo. Que a partir dese punto de partida, ou de inicio, se establezan unhas conversas para fixar uns prezos de forma conxunta. O que non se entendería é que ese punto de partida se convertera nun prezo final pechado, sen opción á negociación, porque iso sería unha imposición, non un acordo. E claro, a sociedade, os consumidores en xeral, os gandeiros e mesmo o Goberno non entenderían que se rompa a cadea polo lado máis débil, como ocorreu sempre. É dicir, que o gandeiro ao traballar cun produto perecedoiro ten que tragar co primeiro que lle propoñen dende a industria. Creo, espero e desexo que haberá unhas negociacións fluídas polo ben de todas a partes implicadas.

Newsletter Somosagro

Recibe todas las semanas la información más relevante del sector primario

Votación
3 votos
Comentarios

Roberto García: «Un gandeiro galego non pode cobrar 5 céntimos menos ca un asturiano»