Con 11 anos, Aroa xa sabe que quere ser gandeira: «Axudo ao meu pai cas vacas»

GANADERÍA

A feira de gando de Castro Caldelas destacou polo número de reses e explotacións representadas

11 sep 2025 . Actualizado a las 10:36 h.

O Toural converteuse un ano máis no centro neurálxico da actividade gandeira de Castro Caldelas. Centos de cabezas de novelas, rubias galegas, vianesas ou caldelás concentráronse para formar parte do concurso-exposición que pon punto final ás Festas dos Remedios da capital da comarca. Unha das citas máis antigas de Galicia cumpriu con éxito as expectativas, superando as cifras de anos anteriores. A edición, que congregou unhas 150 cabezas de gando, arrancou ás 11.00 horas cunha grande afluencia de tratantes e gandeiros que quixeron vivir na súa pel unha tradición tan lonxeva. A exposición dos exemplares de cada explotación foi seguida da poxa de novelas e o peche da xornada púxoo un desfile de carros.

Solidariedade cos lumes

A pesares dos recentes lumes que queimaron unha parte importante dos montes de Ourense, a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, afirmou que eses acontecementos non botaron atrás aos donos das granxas: «Aínda que é un grave problema, á feira creo que non afectou porque os gandeiros están perfectamente sensibilizados e apostan por ela».

Castro Caldelas non foi unha das zonas máis prexudicadas polas lapas. Non correron a mesma sorte os concellos limítrofes, como Montederramo ou Chandrexa de Queixa. Os pastos para o gando quedaron completamente calcinados, o que supón un custo extra para os donos dos animais. «Houbo xente que quedou sen forraxe porque lle arderon os rolos que tiñan e ao queimarse as zonas de pasto non se pode pacer durante dous anos, entón é un grave problema, porque ao gando hai que comprarlle alimento», lamentou a alcaldesa.

A situación crítica no rural ourensá sacou a relucir o lado máis amable e solidario dos gandeiros. A sensibilización deles foi total e moitos non dubidaron en axudar ás diferentes explotacións afectadas na medida do posible. «Nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo quedou todo negro, dá pena velo. Nós estivemos alí axudando e perderon moito pasto para as vacas no verán», lembraba Cristian Pérez, da explotación O Clarete.

A tradición que hai detrás desta feira fai que sexan cada vez máis explotacións as que se animan a acudir ao recinto do Toural. Iso si, o número de cabezas por cada gandeiro cada vez é máis baixa. Así o percibe Cristian Pérez, que acude cada ano coas súas vacas xunto co seu pai: «O que se ve é que cada vez máis xente se anima a vir, imos reducindo o número de cabezas por explotación pero cantas máis granxas veñan, mellor».

Novas xeracións

Que a feira do gando de Castro Caldelas continúe a ser un evento sinalado no calendario débese ao legado que se transmite dende os máis maiores aos máis pequenos. De pais a fillos e logo a netos, como no caso da explotación O Clarete, onde xa van tres xeracións dedicándose á gandería. «Os nosos avós tiñan vacas e o meu pai herdou a súa explotación. Agora el ten esa e eu collín outra máis e aquí estamos os dous», explica Cristian, que conta co apoio de toda a súa familia, seguindo coas explotacións O Clarete.

Os mesmos pasos que o seu pai está a seguir a gandeira máis nova de toda a feira. Con tan só 11 anos, Aroa Díaz xa é a encargada dalgunhas das tarefas máis importantes da explotación da súa familia, Hermanos Díaz Caldelas. «Axudo ao meu pai e vou con el ás feiras», contaba, orgullosa. A Aroa gustaríalle seguir o mesmo camiño que o seu pai, coidando das súas reses. Ten claro que é o que máis lle gusta de todo O Toural: «As miñas vacas. Trouxemos dúas e son rubias galegas».