Vilalba acollerá unha xornada gratuíta para gandeiros sobre produción sostible e novidades da PAC

Somos Agro REDACCIÓN / LA VOZ

GANADERÍA

ANGEL MANSO

O encontro celebrarase o día 16 no Hotel Terra Chá e está  organizado pola Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia

07 oct 2025 . Actualizado a las 10:01 h.

 A Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia organiza o vindeiro xoves, 16 de outubro, unha xornada formativa dirixida a gandeiros e aberta ao público interesado. O encontro, que conta co financiamento da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da Área de Medio Rural, Mar e Mocidade, celebrarase ás 11:30 horas no Hotel Terra Chá de Vilalba.

A sesión reunirá a expertos de referencia no sector agrogandeiro. A investigadora Teresa Moreno López, do Departamento de Produción Animal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), abordará as claves para avanzar cara a sistemas de produción sostible e eficiente no cebo bovino de carne.

Xunto a ela, a empresa Agronovo Ecoloxía impartirá un bloque práctico sobre cuestións normativas que afectan directamente ás explotacións. En concreto, explicará a implantación obrigatoria do novo sistema de facturación Verifactu a partir de 2026, así como as novidades da PAC 2026 e as liñas estratéxicas da futura PAC 2028?2034.

Desde a organización destacan que «o obxectivo desta xornada é dar ferramentas útiles aos gandeiros galegos, tanto no ámbito produtivo coma no administrativo, para mellorar a rendibilidade e asegurar o cumprimento das novas obrigas legais».

A participación é gratuíta, mais require inscrición previa por cuestións organizativas. As persoas interesadas poden anotarse no teléfono 678 645 549 ou no correo electrónico aplegalicia@gmail.com.