O monte galego pídelle á Unión Europea medidas de prevención e preservación forestal
SOSTENIBILIDAD
Manuel Lopes, secretario da Comunidade de montes de Teis, defende ante o Parlamento Europeo un cambio no modelo actual e a convivencia entre ecosistema e economía
15 oct 2025 . Actualizado a las 21:33 h.A vaga de lumes do verán pasado en Galicia non é un caso illado; espéranse episodios así máis frecuentes por mor do cambio climático e a deforestación. Fronte a esta última causa expertos de varios países europeos protestaron, este mércores, ante o Parlamento Europeo pola falla de medidas para defender os bosques. O acto estivo organizado pola confederación europea de profesionais forestais, Pro Silva, xunto coas ONGs Fern e Canopée. As organizacións participantes tiveron, despois do acto, reunións con dous membros do Parlamento Europeo que están a promover iniciativas contra a deforestación.
Galicia estivo representada por Manuel Lopes Rodrigues, secretario da Comunidade de montes de Teis, que leva case 30 anos loitando pola recuperación e preservación da natureza. Lopes critica a pasividade da UE fronte ao bosque, un espazo «que leva décadas nunha situación case marxinal». Devandita apatía amósase no bloqueo da Lei de restauración ambiental, unha proposta paralizada, segundo el, por intereses cruzados. Ademais, destaca a hipocrisía europea á hora de ditar a terceiros países que facer neste eido mentres no seu territorio non se aplicas medidas: «A UE non só ten que falar cousas, hai que ver que a biodiversidade aumenta, que cada vez arden menos os bosques e hai unha política integradora co medio ambiente».
O experto forestal vigués considera que o modelo actual vive de costas ao bosque, tratándoo coma un subproduto dedicado á plusvalía e non coma un ecosistema resiliente e dinámico que «tamén alberga animais, ríos, cogomelos e demais». Para el, preservar e restaurar son compatibles coa industria madeireira, mais «debe haber un monte multifuncional». Tamén no caso galego, cuxo modelo de minifundio non axuda á hora de acadar obxectivos para superficies extensas. Un espazo máis versátil, defende, permitiría diversificar o sector e crear máis empregos apostando por especies autóctonas de maior calidade.
Posibles solucións
Para Lopes a solución pasa polo compromiso da sociedade civil e das Administracións, «que entenden prevención como rozar os camiños e pouco máis». Isto precisaría dunha visión a medio prazo para facer unha transición que non prexudique a actividade económica. Tamén ve preciso articular políticas e orzamentos «nun contexto de emerxencia climática». Un bosque, apunta, que deixe non só un rendemento económico, mais tamén patrimonial e xeracional; «as árbores levan aquí millóns de anos e saben como sobrevivir se lles damos as oportunidades».
