Patrocinado porPatrocinado por

Sanxenxo bota unha ollada a «Os nosos oceános»

Alfredo López Penide
L. Penide SANXENXO / LA VOZ

SOMOS MAR

Ramón Leiro

A praza dos Barcos acolle ata o 12 de agosto unha gran exposición fotográfica sobre a biodiversidade mariña

23 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o vindeiro 12 de agosto, a praza dos Barcos de Sanxenxo acolle a exposición fotográfica Os nosos océanos, desenvolta por Afundación en colaboración co Concello e a Editorial Planeta. Comisariada por Joaquín Araújo, experto en medio ambiente e reputado ecoloxista, a mostra, que se enmarca no proxecto Corrente cultural, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo, é unha ampla selección de fotografías «espectaculares da biodiversidade mariña: baleas yubartas, osos polares, peixes bolboreta, a quenlla peregrina ou unha colectividade de golfiños, poboan, entre outras moitas especies, as imaxes cheas de cor e vida da mostra».

Deste modo, a exposición configurase como unha gran invitación a reflexionar sobre o impacto da actividade humana sobre o medio natural, así «como sobre a necesidade perentoria de incorporar a sostibilidade á nosa forma de vida». A fin de contas, «todo o que coñecemos como vida non só procede dos océanos, senón que segue dependendo deles», destacan dedde a organización, ao tempo que remarcan que o obxectivo desta exhibición fotográgica é «espertar o recoñecemento de que os océanos son berce de vida, manancial de todos os mananciais, reguladores de todos os elementos básicos do clima, depuradora natural das contaminacións e fornecedores de alimento e incontables materias primas».

Neste sentido, Joaquín Araújo, dobre Premio Nacional de Medio Ambiente, resaltou que «a máis elemental prudencia, o máis sensato sentido da anticipación poden e deben levarnos á coherencia de mellorar todas as nosas formas de utilización e aproveitamento dos océanos. De alí seguirán manando infinitas posibilidades se non continúan a sobreexplotación, os transportes perigosos e as contaminacións básicas. Todo o xa longo empeño do pensamento ecolóxico, dos oceanógrafos e das organizacións que traballan no campo da defensa da natureza pode ser resumido con estas dúas frases: 'queremos conservar o futuro' e 'queremos salvar ao que nos salva'. Algo só posible con novas xeracións de seres vivos que renuncien á explotación desmedida, que aprendan a convivir».