Patrocinado porPatrocinado por

Xosé Búa Trillo, O Pirata, armador: «Teño visto a mariñeiros marchar pola borda enganchados no aparello»

Nicolás Pose CARBALLO / LA VOZ

PESCA Y MARISQUEO

Xosé pensa que a día de hoxe coñéceno máis en Muxía polo «Pirata» que polo seu propio nome.
Xosé pensa que a día de hoxe coñéceno máis en Muxía polo «Pirata» que polo seu propio nome. ANA GARCÍA

Lobos de mar | Agora que tivo que retirarse do traballo por saúde síntese «desafiuzado» do mar

03 oct 2026 . Actualizado a las 04:45 h.

Xosé Búa Trillo (Muxía, 1965), aínda que en Muxía o coñecen máis polo alcume do Pirata, pertence a unha desas xeración de nenos de concellos costeiros que creceron co mar practicamente dentro da súa casa. A súa familia era de tradición mariñeira e «desde nenos facíamos aparellos cando os outros nenos xogaban», comenta.

Cando era pequeno xa ía pola costa a pescar, ben nas pedras ou utilizando algunha lancha e comezou a ir ao mar con seu pai e seu irmán en xuño de 1980, tres meses antes de cumprir os 15 anos, a bordo de Os Ramóns: «Chamábase así porque eran catro Ramóns a bordo no mesmo barco», di Xosé. Esta curiosa agrupación xa viña dun bote anterior no que se xuntaran seu pai, seu tío avó, seu irmán e un socio. Cando se estreou «o tío do meu pai xubilouse, pero chegou o fillo do socio, tamén Ramón».

Para Xosé, rematar traballando no mar era o natural: «Os meus amigos foran ao mar e acabei indo eu tamén, porque non ías ser ti o diferente» e co traballo chegaron as cousas boas, pero tamén as malas. «Tiven moitos pesadelos sentindo os golpes do mar», recorda e é que as malas pasadas eran bastante comúns nunha embarcación de 10 metros: «O que máis recordo sempre é o berro de ‘‘¡Aguantádevos’’ cando había ondas» ou cando se abriu unha vía de auga e «fomos tomando tornas para achicar dende Cabo Touriñán ata Cereixo, que se nos ía o barco ao fondo». Como anécdota, Xosé confesa que nunca puido rematar de ver a película de A tormenta perfecta pola escena da onda final.

Tampouco faltaron os sustos: «Teño visto a mariñeiros marchar pola borda enganchados no aparello, por sorte non perdemos nunca a ninguén», di. Un destes accidentados foi o seu propio irmán Ramón, que caeu pola borda, pero «era o que estaba máis tranquilo de todos, nos nerviosos intentando subilo e el berrando que nos calmáramos». Aínda así, «ver caer a un compañeiro ponche sempre a pel de galiña», confesa. Marcado quedoulle a ocasión na que se desviaron do traballo para buscar a un percebeiro que caera ao mar, pero cando o rescataron «levara un golpe moi forte na cabeza e xa estaba morto».

Non só o pasaban mal os embarcados. Nun mesmo bote ían un pai e dous fillos e, aínda que seu pai estaba contento de ter tripulación na casa, a súa nai sempre estaba preocupada cando o tempo non acompañaba. «Cando había temporal, miña nai ía ata a costa e ata a Barca para ver se podía vernos», relata Xosé. Logo, co tempo e a mellora das comunicacións, xa por radio ou máis tarde co teléfono había máis contacto, pero, apunta Xosé, o medo nos familiares nunca marchou de todo: «Cando hai mal tempo sempre estamos preocupados pola nosa vida e os de terra están esperando a vernos volver».

A orixe dos piratas

De ser coñecidos como «Ramóns» pasaron a «piratas» coa compra do seguinte barco. Dende Bueu trouxeron o Pirata I no ano 1982. «Antes éramos os fillos dos Ramóns e pasamos a ser a casa do pirata», narra Xosé. Xa no 2004 chegaría o Pirata II, a embarcación na que aínda axuda agora e na que o seu irmán Ramón aínda traballa con outros dous tripulantes —un co que levan traballando xa 37 anos e un primo deles que leva no barco uns oito—. Traballaron ao palangre, á malla e ás nasas, pero dende fai tempo xa se dedican só aos miños, cubrindo dende o Cabo da Nave, en Fisterra, ata Camelle.

Agora, por temas de saúde na columna e nos cadrís, tivo que retirarse: «Levo 12 operacións», aínda que segue enrolándose cando se precisa axuda a través de permisos puntuais: «Eu non me sinto xubilado, síntome desafiuzado do mar».

Outra das súas paixóns é o fútbol, en concreto o Deportivo da Coruña
Outra das súas paixóns é o fútbol, en concreto o Deportivo da Coruña ANA GARCÍA

Un traballo duro, pero no que «sempre estabas entretido»

Xosé Búa ten dous fillos, pero ningún se adica ao mar: «Un é cociñeiro no Parador e o outro informático». Foi unha decisión consciente, nunca os animou a seguir os seus pasos no barco e animounos a estudar: «Non queríamos ese futuro para eles», di, e xustifica a súa decisión no estado actual da profesión, cun futuro cada vez máis complicado. Ademais, apunta, require de moito compromiso e sacrificio: «Antes víaste obrigado a ser home antes de tempo» e recorda que as únicas veces que tivo vacacións foron: «Unha semana cando casei, unha semana polo Casón e sete meses polo Prestige». Porén, nunca se cansou do mar: «Considero que é un traballo no que non se mira o reloxo, tódolos días son diferentes, riste cando pescas e choras cando non, pero sempre estás entretido». «Eu vou feliz no barco aínda cos problemas que teño», confesa Xosé: «A cousa boa é que despois de tantos anos temos a sangue xeada co salitre».

Apaixoado do fútbol

Ademais do mar, outra das paixóns de Xosé é o fútbol. Cun grupo de amigos fundaron unha peña «o día do Carme» para animar ao Deportivo da Coruña. O nome, por suposto, con referencia ao barco: Os piratas de Muxía. «Naceume a paixón por un dos traballadores do club, José Manuel Barbeito. Collemos amizade porque pasaba as vacacións en Muxía na casa dun amigo e ás veces íamos pescar xuntos na gamela», recorda. Daquela fai 35 anos de socio, «dende que se incendiou o estadio no ascenso contra o Murcia», comenta.